O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, anunciaba este venres que foi aprobada a listaxe de artesáns e artesás que participaran na mostra de artesanía FEIREANDO que terá lugar entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro na luguesa Praza de San Marcos.
Ferreiro salientou “a completa oferta cultural que, un ano máis, ofrece a Área de Cultura da Deputacion de Lugo para estas datas de Nadal”. Así, lembrou que dentro da mostra de artesanía FEIREANDO, xunto coas restantes actividades que engloba o programa “Nadal Cultural”, “destacan as demostracións que nos farán as e os artesáns os mércores e sábados a partir das 17 horas na Praza de San Marcos, así como outras actuacións que amenizarán esta mostra como a música e voces de Branca Villares e Pablo Pintor, o espectáculo “Rodesindo da Barrosa. O Afiador” da man do actor mariñao Pepe Penabade ou a actuación musical do Cé Orquestra Pantasma”, indicou. Do mesmo xeito, as corais lucenses con “Cantos de Nadal” completarán a animación da mostra.
O Delegado de Cultura concluíu sinalando que “o traballo desde a Área de Cultura está sendo moi intenso, conseguindo en tempo record sacar adiante moitisimas actividades”. O nacionalista agradeceu “a implicación das traballadoras e traballadores da Área para conseguirmos entre todos este obxectivo” e, abondou, “sacar á Área de Cultura do ‘conxelador’ no que o PP a meteu nos meses que estivo no goberno”.
Clausurado o obradoiro de construción de cítaras medievais impartido no CENTRAD
Así mesmo, o Delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro, participou tamén esta mañá na clausura do obradoiro de construción de cítaras medievais, impartido no Centro de Artesanía e Deseño da man do mestre Antonio Franco. Este curso tivo lugar no Obradoiro de Instrumentos do CENTRAD durante os meses de outubro a decembro.
Xosé Ferreiro destacou “o importante papel que debe cumprir o CENTRAD na posta en valor e coñecemento de instrumentos que estiveron presentes na nosa historia e tradición” e parabenizou o traballo realizado polo alumnado participante no obradoiro, guiados por Antonio Franco.