Viveiro, 12 de decembro de 2015.- Este sábado En Marea chegou a Viveiro para presentar as propostas da coalición á cidadanía da vila e da Mariña lucense.
Abriu o acto no Conservatorio Profesional de Música Marcos Besada, veciño de Viveiro, autónomo do sector agroalimentario, que destacou que se sinte indignado e enganado, por iso decidiu loitar contra un sistema que non para de afogarnos. “Son un cidadán independente que pide que a marea sexa do pobo”, dixo.
Deulle paso a Sol González-Ruiz Carcur, número 4 ao Congreso por Lugo, que empezou cunha frase de Galeano “xente pequena, en sitios pequenos facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo”, “Por iso estou aquí, nun momento no que o Goberno parece que se esqueceu do pobo -explicou-. Estou segura de que o proxecto de En Marea non se vai axeonllar ante o poder económico ou eclesiástico”.
O seguinte en falar foi Ramón Vázquez, deputado de AGE no Parlamento Galego. “Somos moita xente os que estamos arrimando o ombro e queremos que se escoiten moitas voces. O que está a pasar non é casualidade, é un traballo de moitos anos de acumulación de forzas: xentes que defenderon os traballos de Alcoa, nais e país que defenderon os dereitos dos seus fillos..”.
O deputado galego tamén recordou o 14 de xullo de 2012. “Ese día o goberno publicou dous Reales Decretos que supuxeron a subida do IVA, a subida da idade de xubilación e en definitiva, o recorte do estado de benestar e dos dereitos –dixo-. E ese mesmo día tamén entregaba 55.000 millóns de euros para rescatar a banca, condenándonos a unha débeda impagable”. “O que eu penso é Game over, fin da partida –engadiu-. Non nos podemos deixar levar polo medo nin conformarnos, por iso a nosa campaña é a da ilusión”
Lidia Senra, deputada de AGE no Parlamento Europeo, falou principalmente das políticas de austeridade do bloque neoliberal, que “nos están levando a que en Galiza volva a haber fame”. “Debemos marcarnos como obxectivo conseguir o acceso de toda a poboación a unha alimentación sana, suficiente e de calidade. Para iso precisamos que haxa labregos e labregas producindo no noso país e manter a pesca artesanal e costeira.
É necesario manter como bens públicos a agua, a terra e as sementes. Loitaremos contra todas as leis que supoñan a privatización da auga, o acaparamento de terras e a apropiación das sementes.
Tamén nos opoñenos a que dentro da relectura que está facendo a Comisión Europea da normativa de transxénicos sexan consideradas como non transxénicas novas técnicas de reprodución que si que o son.
Dicimos NON a que as nosas costas sexan ocupadas pola acuicultura industrial. Non imos permitir q se arruíne a nosa pesca.
José Manuel Pérez Afonso, número 3 da lista de En Marea por Lugo, presentouse como un rapaz que no 15 M decidiu saír á rúa e dicir “acabouse especular co meu futuro, co de meus pais e co dos meus avós”.
“Eu son fillo dun camareiro e dunha limpadora, e estou moi orgulloso –dixo-, porque agora toca que quen tome as decisións sexamos nos, a cidadanía. Estamos acostumados a que tomen as decisións por nos”. “Eu emigrei e decidín volver para darlle a última oportunidade a este país”. Hai que perder o medo, hai que facer o correcto e dar un paso adiante. “A nosa división é a súa forza”, lembrou- Chegou o momento que estábamos esperando. O 20 de decembro podemos ir e dicir que queremos cambiar as cousas: unha sanidade de calidade, unha educación pública de calidade, un campo e unha costa que poida vivir do seu traballo dignamente… pan e teito. E iso non é revolucionario, é xusto”, insistiu.
Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova e voceiro parlamentario de AGE, destacou que en Galicia, ao longo da historia, sempre foi a xente a que tivo que organizarse para defenderse.
“En Marea non é máis que un proceso que ven de moi atrás –dixo-, da loita labrega, secular, da loita social dos séculos XIX e XX. Tamén da xente da cultura, como Miguel Anxo Fernán Vello, que tivo que encargarse de defender a nosa lingua”. “Foi a xente a que intentou levar adiante a normalización lingüística e o uso do galego na xustiza, nos documentos administrativos, na educación…”, engadiu.
“Quen tivo que defender as explotacións gandeiras? Xente como Lidia Senra –continuou-. Quen tivo que defender o sector naval? Os empresarios ou o INE?. Non, neste país foi a xente a tivo que empezar a organizarse para defenderse”.
Beiras asegurou que cando no 15 M a xente saíu a rúa para dicir “non nos representan”, en Galicia “xa facía moito tempo que sabíamos que non nos representaban. No Prestige, tivo que ser a xente a que construíu diques flotantes para evitar que o chapapote acabase con todo”.
“Esa maioría agredida constantemente polos gobernos foise organizando en cooperativas, mancomunidades, organizacións veciñais, feministas, da mocidade… e esbarallouse o estado e xurdiu a nación, o pobo. Chegou o momento en que toda esa xente que se organizaba deu un paso adiante e naceron as Mareas”.
“Iso significa un cambio histórico. Por iso esta vez si, esta marea vai ser tan viva que vai chegar á Moncloa”, concluíu.
Pechou o acto Míguel Anxo Fernán Vello, número 1 da candidatura de En Marea por Lugo, que destacou a necesidade de levar a cabo accións estruturais no Porto de Celeiro para potenciar a súa capacidade, non só como porto pesqueiro (excelente na pesca de pincho), senón tamén como porto comercial. “E non unicamente no mercado con cuarzo ou cuarcita, tamén para o comercio de madeira con destino a mercados internacionais”, apuntou.
“Pero para ampliar a capacidade comercial é preciso tamén mellorar as comunicacións por vía terrestre –engadiu-. Que pasa co corredor San Cibrao-Ferrol e a súa variante de Viveiro? Son fundamentais!”. Fernán Vello adiantou que En Marea defende que este corredor sexa unha autovía.
Por último, incidiu tamén en que Viveiro, polo seu enclave natural e a súa riqueza paisaxística, debe explorar novas formas de turismo ecolóxico e de calidade, que favoreza o comercio e os ser vicios non só durante o verán. “Isto é fundamental para darlle pulo a unha vila das características de Viveiro”, asegurou, e invitou a todos os asistentes a que o 20 de decembro acudan En Marea a votar e a favorecer o cambio da vella política a unha nova “centrada na xente”.



















Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.
Finalizado o encontro, de carácter privado, o Cónsul asinou no Libro de Ouro da Deputación e a Presidenta fíxolle entrega dun agasallo institucional. Trala xuntanza Carmela López manifestou a súa satisfacción porque “traballamos para avanzar en novas vías de colaboración, e en posibles proxectos que serven para reforzar a relación entre a Deputación e o veciño país de Portugal”.



