Foz, 18 de xaneiro de 2016. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, agradece o labor de Francisco Ramalleira como portavoz municipal do PSOE e desexa que a persoa que o substituirá no cargo siga co mesmo talante para traballar todos xuntos. Ademais o rexedor municipal anunciou que este martes se celebrará unha reunión da xunta de voceiros para abordar a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) nun vindeiro pleno da corporación.
Javier Castiñeira manifestou este luns “con respecto a dimisión do portavoz do Partido Socialista, o señor Ramalleira, dende o equipo de goberno queremos desexarlle a maior sorte na súa vida persoal e, sobre todo, agradecerlle o seu labor. Respectamos as súas razóns e a súa decisión, obviamente, e desexamos que a próxima portavoz, Ángeles Veiga, siga con ese mesmo talante que tivo o señor Ramalleira, tratando de unificar ao máximo posible as decisións e o bo talante na xunta de voceiros, tratando de traballar todos xuntos. O señor Ramalleira aportou esa experiencia que tivo no seu momento no goberno e tamén temperanza e sensibilidade”.
O alcalde engadiu: “temos que seguir afrontando novos retos, como o que temos mañá coa xunta de portavoces, onde estará xa Ángeles Veiga, para abordar a última parte da aprobación provisional do Plan Xeral, que era un dos desexos do señor Ramalleira: tratar de ver un Plan Xeral aprobado, un asunto polo que tanto traballou. Espero que todos os portavoces, non só a do Partido Socialista, nos poidamos facer partícipes de aprobar definitivamente durante este ano o Plan Xeral de Foz”.