Burela, 25 de xaneiro de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, acusa ao grupo municipal do PP e ao seu portavoz de practicar unha política penosa, infantil e baseada no marujeo. O rexedor subliña que a Consellería de Educación non convidou de xeito oficial nin ao alcalde nin a ninguén do seu equipo para acudir á visita realizada o pasado venres polo titular dese departamento ao IES Perdouro. E critica a falla de respecto institucional amosada unha vez máis co Concello de Burela.
O rexedor dixo que o xesto do pasado venres por parte da Consellería de Educación “é dunha irresponsabilidade maiúscula”. Llano manifestou: “din que somos invitados e que non acudimos porque somos pouco responsables, cando a realidade é moi diferente. Estano facendo adrede, fano tarde mal e arrastro, tal e como xa aconteceu hai algunhas semanas con Portos. O señor Barcia fai unha política penosa, ridícula, infantil, irresponsable e de marujeo. El pensa que facer política consiste en facer marujeo, en xuntarse e dicir vamos poñer a parir a este tío como non estivo aquí presente, vamos dicir que non ten interese e vamos facerlle quedar mal. Dan pena. O mellor que podía facer o señor Barcia é irse para a súa casa dunha vez, porque o único que está é facéndose pesado, empregando métodos que non son nin lexítimos nin soportables”.
O alcalde de Burela subliñou que “oficialmente eu non teño constancia de ter recibido unha invitación nin por escrito, nin por teléfono, nin por whatsapp, nin por correo electrónico, para ir o pasado venres ao IES Perdouro. Iso significa que as cousas se fixeron con mala intención, hai moi pouca visión de contar con representación institucional, de tentar quedar ben con todos… así imos moi mal. Isto ten que sabelo a xente, ten que saber que están utilizando os seu postos na política unicamente para beneficiarse e para seren eles sos protagonistas, pensando no partido, e non no ben común. Penso que van sufrir as súas propias consecuencias”.
Llano indicou que “xa que foron inaugurar ou ver esa parte da ampliación do IES Perdouro teño que dicir que é certo que ten que haber unha resposta á FP básica, pero no IES Perdouro sempre fomos vangardistas na aplicación da Formación Profesional de calidade, tanto nos ciclos medios como nos superiores, e sen embargo nese aspecto non están para nada tendo a preferencia e a atención que deberan ter con este centro, dado que suprimiron un ciclo superior de electrónica e deixaron sen efecto a petición para a posta en marcha dun ciclo superior de estética. Hai que apoiar á FP completa, que recolle os ciclos básico, medio e superior. Si queren apostar e facelo ben que non retiren os ciclos superiores, sen saber si hai demanda, Estannos a privar dunha oportunidade moi importante, á comarca da Mariña e a Burela, de ofertar unha FP de gran calidade e que fose unha referencia en moitas profesións”.
Sobre as obras realizadas no IES Perdouro Alfredo Llano considera que “non se fixo a obra completa, porque abaixo deixaron coma espazo para gardar herba seca, non deixaron todo ben preparado. Simplemente abriron dúas aulas arriba, pero non quedou rematada esta obra”. E insistiu: “a min o que me preocupa é o método, a fórmula, a maneira e o escaso nivel da relación institucional, o baixo nivel na política que se está a exercer. O señor Barcia faríalle un favor a todo o mundo si se fose para a casa e deixase de dicir tonterías un día si e outro tamén”.
O alcalde engadiu que “xa quedei co director do instituto, xa fun ver a obra e volverei pasar por alí, porque se introduciron modificacións nos traballos realizados, porque me interesa como rexedor e como profesional do ensino, xa que levei moitos anos nese centro. O que non podemos é admitir estas barbaridades que di esta xente que ten unha responsabilidade pública e que a utilicen para algo tremendamente privado”. Alfredo Llano amosouse “moi decepcionado e paréceme moi triste que fagan estas cousas. Ademais hai contradicións na súa nota de prensa, din que eu tiña que estar aí nese acto, e que son vou son un irresponsable, e admiten que tiña que estar tamén en Fitur. É imposible estar en dous sitios á vez, pero nin siquiera nos deron a oportunidade de avisar a alguén que me puidera substituír. Estes episodios dan unha moi mala imaxe da política e son os episodios que ten que ter en conta a xente de cara ás vindeiras eleccións”.