O Valadouro, 21 de xaneiro de 2016.- O presidente e voceiro local do Partido Popular no Valadouro, Jose Manuel Lamela, denunciou o abandono xeralizado no que o Goberno local mantén varias instalacións e servizos municipais.
Os populares aseguran que os veciños están a sufrir as consecuencias da falta de actuación do alcalde e do Goberno bipartito, que se amosan incapaces de normalizar a actividade diaria no Concello e facer fronte a asuntos de simple mantemento.
ESCOLA INFANTIL, XIMNASIO E MOTOBOMBA
Lamela ofrece catro exemplos evidentes deste abandono como son o acontecido na escola infantil, no ximnasio municipal, a pista de andadura ou co vehículo motobomba.
Os populares explican que o Goberno bipartito superado polos acontecementos, mantivo durante semanas sen auga quente á escola infantil, cos consecuentes prexuízos para os nenos pequenos e o seu persoal.
A maiores desde o Concello tampouco foron quen de arranxar unha avaría no vehículo motobomba, que na actualidade permanece inoperativo, polo que o municipio carece deste servizo en caso de que poida ser necesario de producirse algunha urxencia. “Falamos dunha avaría que pode amañarse cunha mínima inversión –de entre 3.000-4.000 euros- e prefiren tela sen funcionamento”.
Lamela tamén explicou que o Goberno local mantén pechado o ximnasio municipal, situación que contrasta co que acontecía cando o PP gobernaba no Valadouro que abría o ximnasio todos os días grazas a ter contratado un monitor e dispoñía tamén do servizo de fisioterapia unha vez á semana, con gran acollida entre os veciños.
A PISTA DE ANDADURA DESCOIDADA
Finalmente os populares lamentan a situación de abandono na que o Goberno local mantén a pista de andadura, a primeira instalación destas características que existe en Galicia e que moitos veciños, asociacións e amantes do mundo equino aplaudiron cando o PP a inaugurou. “Hoxe está descoida e en vez de cabalos esta repleta de silvas e malas herbas”
POÑERSE AS PILAS OU MARCHAR
Lamela esixe ao alcalde que se “poña as pilas” e non faga deixadez das súas obrigas e funcións e indica que se desde o equipo de goberno son incapaces de facer fronte a estas mínimas tarefas, como manter os servizos locais existentes en bo estado e en funcionamento, terían que reflexionar sobre a súa capacidade de xestión e sobre o pouco útil que o seu goberno está a ser para os veciños, optando por marchar.