Lugo, 22 de xaneiro de 2016.- Os emprendedores seleccionados en Lugo ao abeiro do programa ViaGalicia, impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Consorcio Zona Franca, presentaron este venres ante o comité técnico os 20 proxectos que compiten para acceder á fase de aceleración, na que, ademais dunha intensiva formación personalizada, poderán contar con 125.000 euros en financiamento.
A esta edición de ViaGalicia concorreron máis de 300 proxectos emprendedores dos que foron seleccionados 40, 20 para a sede de Lugo e 20 para a sede de Vigo, que acaban de rematar a fase de academia, na que accederon a formación e asesoramento para a mellora do modelo de negocio proposto.
A maioría dos 20 proxectos presentados polos seus promotores hoxe en Lugo, nunha xornada na que participou o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, están centrados nas TIC ou baséanse nas TIC para impulsar actividades empresariais relacionadas con sectores como agroalimentario, o aeronáutico, o da saúde, os servizos en xeral ou o da xestión de residuos.
Logo desta Demoday, que acollerá a presentación este sábado, en Vigo, doutros 20 proxectos, seleccionaranse os 15 finalistas que participarán no proceso de aceleración que terá lugar no Centro de negocios de Porto do Molle, en Nigrán. Tanto XesGalicia como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) formarán parte do comité encargado de seleccionar aos 15 proxectos. Para esta selección final, este ano priorizarase o emprendemento innovador centrado nos grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3.
Cada un destes 15 proxectos finalistas, que se coñecerán en datas próximas, poderá acceder a financiamento por importe de ata 125.000 euros, dos que 75.000 serán achegados por Xesgalicia e GAIN, e os 50.000 restantes polo Consorcio Zona Franca a través da sociedade de capital risco Vigo Activo.
Ademais, os proxectos finalistas disporán de servizos personalizados de mentoring e dun espazo gratuíto de coworking en Porto do Molle. Por outra banda, cada un dos emprendedores de VíaLugo que estea entre os finalistas recibirá 5.000 euros de axuda para a súa estancia en Vigo na fase de aceleración.
O programa ViaGalicia forma parte dos diferentes apoios ao emprendemento impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar o emprendemento, dentro dos cales está activado o programa Galicia Emprende, dotado con 3,7 millóns de euros en axudas para proxectos de creación de novas empresas ou investimentos en empresas de recente creación.
Esta liña pode ser compatible cos préstamos xestionados polo Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, co que se apoiarán os proxectos seleccionados en ViaGalicia. Os emprendedores galegos tamén poden acceder a servizos gratuítos de formación e asesoramento, así como outros instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador, como os fondos de capital risco XesInnova e i2C; a liña de préstamos directos Igape-Jeremie; ou a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados.