San Cibrao, 22 de xaneiro de 2016.- O presidente da asociación de veciños Cruz da Venta de San Cibrao, Jose Luís Sariego, solicitou por escrito tamén unha reunión coa portavoz do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, para trasladarlle unha serie de peticións coa finalidade de facer realidade o ambicioso obxectivo de ampliar o Museo do Mar.
Esta petición complementa a realizada nos pasados días ao actual presidente da Deputación de Lugo, o socialista Dario Campos, como máximo responsable do bipartito, para tratar este mesmo asunto trala sentenza que anula, por un defecto formal, o estudo de detalle para a construción dun edificio na parcela anexa ás súas instalacións.
Desde o colectivo veciñal insisten en que existe un gran consenso social e ata político que coincide en que o mellor xeito de aproveitar esa parcela anexa ao museo sería a súa compra para realizar alí a ampliación dun museo, tendo en conta que ten parte da súa colección expositiva oculta ao público por falta de espazo nas actuais instalacións.
Sariego considera que é importante implicar a todos os responsables provinciais, tanto do Goberno bipartito como da oposición, para pedirlles que sexan sensibles ante unha demanda na que todos din coincidir pero que non avanza porque desde a Deputación non se acomete a compra deses terreos, incumprindo compromisos previos.
O colectivo insiste en que o que ningún veciño de San Cibrao quere é un edificio en primeira liña de praia que provoque un impacto urbanístico innecesario nese espazo e encorsete ao actual Museo, unha posibilidade que para nada se descarta malia a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, porque podería volverse a solicitar unha licenza corrixindo a tipología da obra a construír.