A Coruña, 24 de febreiro de 2016.- O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, presentaron na mañá deste mércores unha campaña especial de prevención de atropelos que se pon en marcha no marco do principio de colaboración entre a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e a Xunta de Galicia. No acto tamén participaron a coordinadora da DXT en Galicia, Vitoria Gómez Dobarro; e xefe do sector de Tráfico da Garda Civil na comunidade, o tenente coronel Francisco Javier Molano.
O propósito da campaña é concienciar aos peóns sobre a importancia de facerse ver na estrada polos condutores. Para iso, a Xunta entregará ao longo do presente ano 2.000 chalecos reflectintes ás Xefaturas Provinciais de Tráfico.
Na primeira fase da campaña, que durará ata finais de marzo coincidindo con Semana Santa, os axentes da agrupación de Tráfico da Garda Civil repartirán 400 entre aqueles camiñantes que se despracen sen este tipo de pezas por vías interurbanas das catro provincias.
Os mesmos axentes recordarán, antes de entregar as pezas, a obrigatoriedade de ir con elementos reflectintes cando se transite por vías interurbanas fóra de poboación durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade, tales como néboa ou choiva intensa.
No presente ano en Galicia xa se rexistraron cinco vítimas mortais por atropelo e durante a presentación da campaña o delegado do Goberno afirmou que o obxectivo “é que non haxa que lamentar nin unha vítima máis, e para conseguilo é necesario saír coas pezas adecuadas e apelar á responsabilidade de todos”.
Destinatarios da campaña
Durante a presentación destacouse que a Estratexia de Seguridade Vial 2011-2020 da DGT e o Plan de Seguridade Vial 2016-2020 da Xunta, identifica como obxectivo prioritario a protección do usuario máis vulnerable. Así o perfil do falecido por atropelo en Galicia responde ao dunha persoa maior de 65 anos que viste prendas escuras e que se move polas vías sen portar elemento visible algún. Por iso, os maiores serán os destinarios preferentes dos chalecos que se repartirán durante 2016.
E é que a partir de certas idades prodúcense limitacións psicofísicas: visión máis limitada nunha contorna de pouca luminosidade, movementos máis lentos á hora de reaccionar e dificultades para calcular correctamente a distancia á que se atopa un vehículo e a velocidade á que se aproxima. Durante a presentación recordouse que a contorna familiar do maior é moi importante para transmitir ese perigo e a obriga de usar o chaleco.
Ademais do envellecemento, a dispersión da poboación galega e un complexo entramado viario, propiciaron que este tipo de accidente sexa característico na comunidade. É por iso que se pretenden modificar hábitos de comportamento para crear condutas seguras.
Xornadas de seguridade vial
A esta campaña engadiranse novas xornadas de charlas a maiores nos concellos, impartidas desde as xefaturas provinciais de tráfico, onde tamén se repartirán chalecos, recordaranse as normas e daranse consellos de seguridade vial.
En canto aos condutores, cabo recordarlles a obriga de levar as luces do vehículo acendidas en caso de meteoroloxía adversa, xa que tamén deben facerse visibles aos demais usuarios da vía.
Ademais os vehículos deben moderar a velocidade en zonas de movementos de peóns (travesías, carreiros, zonas con casas, etc.).
Os estudos de accidentalidadw indican que, en caso de atropelo: a 80 km/h falece o 95%; a 50 km/h, o 50%; e a 30 km/h, o 5%.