Ferrol, 20 de febreiro de 2016.- Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), acompañada polo voceiro de AGE en materia pesqueira no Parlamento galego, Juan Manuel Fajardo, e o patrón maior de Cangas Javier Costa, apoiaron na mañá deste sábado en Ferrol a convocatoria nacional de manifestación feita polo sector pesqueiro galego para o domingo 27 de febreiro en Santiago de Compostela contra a Lei de Acuicultura.
Senra, Fajardo e Costa ofreceron unha charla no Centro Sociocultural Carballo Calero de Ferrol, organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán, á que asistiron ao redor de medio centro de persoas ligadas ao sector marisqueiro da comarca ferrolá.
Durante a súa intervención, Lídia Senra relacionou as decisións que se toman no Parlamento Europeo coas que se toman no Goberno da Xunta e do Estado español. Neste sentido, explicou que os intereses que hai detrás da Lei de Acuicultura son tamén derivados da última reforma da Política Pesqueira Común e pretenden posibilitar que as grandes empresas multionacionais xestionen e exploten os recursos do mar.
Lídia Senra fixo mención á pregunta realizada na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo á ministra noruega, Elisabeth Aspaker, interrogándoa sobre cales eran os intereses do seu país en relación á acuicultura en Galiza. “Contestoume que as empresas de Noruega teñen capacidade para a produción acuícola e son das mellores do mundo. Con estas palabras estanos dicindo que efectivamente teñen interés en proxectos acuícolas na costa galega”, explicou.
Na mesma liña, Fajardo insistiu en que o obxectivo da Lei de Acuicultura é permitir ás multinacionais que acaparen os mares. “De saír adiante, esta normativa permitirá que as multinacionais teñan todo o espazo da costa para elixir onde se queiran instalar e poder explotar peixes transxénicos nas rías galegas. Isto pode ser unha bomba de reloxería que estoupe e acabe coa biodiversidade”, alertou. O deputado de AGE asegurou que ante esta situación, é “fundamental” que se artelle unha resposta a esta Lei e que a manifestación convocada polo sector para o día 27 de febreiro en Santiago de Compostela ás 11:30 horas, que sairá da Alameda e rematará na Praza do Obradoiro, sexa multitudinaria.
Igualmente, o patrón maior de Cangas, Javier Costa, definiu como “torpedo á pesca artesanal” a Lei de Acuicultura planificada. “Se a aproban non teremos por onde saír”, dixo. “A prioridade será a acuicultura por riba da pesca artesanal e do marisqueo, quitarannos os espazos de mar e daránllelos ás multinacionais”, asegurou. “Non podemos permitir que as multinacionais exploten os nosos mares e que os fondos mariños queden totalmente arrasados, porque despois, nesas zonas non criará nada, arrasarán todo, por iso temos que saír todos á rúa e estar o día 27 en Santiago”, zanxou.