Ribadeo, 15 de febreiro de 2016.- A comunidade escolar do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo condena de forma contundente e rotunda o asasinato de Ana Gómez Nieto producido o xoves 11 de febreiro en Herbón (Becerreá). Este crime sobrecolleunos moi fortemente porque Ana era a nai de Santi e Julio Deza, amigos, compañeiros e ex-alumnos deste instituto. Esta vez puidemos poñerlle rostro á brutalidade, á indignación, á impotencia, ao desamparo, á orfandade, ao medo…, pero antes de Ana, e no que vai de ano, foron:
– Mariana Carmen (Madrid, 43 anos).
– Silvia (Galápagos –Guadalaxara-, 33 anos).
– M.P.G. (Alange –Badaxoz-, 21 anos).
– Isabel Laureana (Quintanar de la Orden –Toledo-, 55anos).
– Lucinda (Vila-Seca -Tarragona-, 43 anos).
– María (Valencia, 73 anos).
– Lisa Jane (Calviá –Mallorca- , 49 anos).
– Ascensión (Avilés –Asturias-, 46 anos).
O venres 12 e o sábado 13 de febreiro dous novos casos en Estepona -Málaga- (54 anos) e en Valencia (71 anos).
Non son ELAS as únicas vítimas. O asasinato de Ana deixou orfos de nai a Santi e a Julio; a Isabel Nieto, sen filla; a toda a súa familia, mutilada, e a toda a veciñanza de Pedrafita, Becerreá e Ribadeo, cunha dor difícil de asimilar. Estes devastadores efectos producíronse 11 veces en só 44 días.
Isto é un auténtico terrorismo!
Varían os escenarios, as formas de cometerse os crimes, as idades, as clases sociais, mais comparten evidentes conexións: todas eran mulleres, todas foron asasinadas polo simple feito de ser mulleres e matáronas homes. Hai un único actor e este actor chámase MACHISMO e a sociedade que o soporta, que o tolera, que non o denuncia chámase SOCIEDADE PATRIARCAL, unha sociedade na que os homes dominan e oprimen as mulleres nas relacións sociais, nas normas, na linguaxe, nas institucións e nas formas de ver o mundo.
Hoxe estamos a condenar un asasinato, pero temos que condenar, perseguir, denunciar persoal e publicamente calquera violencia machista. O asasinato é o último estadio, a derradeira etapa da pirámide machista. A invisibilización, a linguaxe machista, os micromachismos, os chistes sexistas, o tratamento dos corpos das mulleres como obxectos na publicidade… son formas subtís e invisibles de violencia. A humillación, o desprezo, a chantaxe, o insulto, a ameaza, os berros… son formas máis visibles e explícitas de violencia. Temos unha responsabilidade como individuos na erradicación deste terrorismo. Comecemos por ir á raíz do problema e deixar de empregar a expresión “lacra social” baleira xa de contido. Poñámonos dunha vez a traballar todas e todos xuntos, a remar na mesma dirección.
Debemos facer un esforzo por visibilizalo, por poñer as lentes violetas da igualdade porque coa igualdade gañamos todos e todas, porque nesta sociedade de dominación sufrimos homes e mulleres, porque as cargas repartidas son menos cargas, porque que mellor forma de quererse que poder chorar libremente, amar libremente, elixir libremente, falar libremente…?
Debemos esixir que a materia pendente da coeducación forme parte con letras grandes nos currículos de todas as materias de todos os centros de ensino.
Debemos esixir que os medios de comunicación empreguen obrigatoriamente o código deontolóxico cando transmitan información sobre casos de violencia de xénero. O exceso de morbo, os detalles pormenorizados do asasinato, as imaxes sobre a intimidade das persoas, a secuencia temporal minuto a minuto do acontecido, os sentimentos e comportamentos do maltratador, a opinión das veciñas e veciños… non contribúen a encontrar solucións, senón máis ben a buscar xustificacións a crimes que xamais o terán porque unha morte nunca se pode xustificar. Estes días os medios de comunicación bombardeáronnos con imaxes de Santi, Julio e a súa familia, con pormenores da súa vida que supoñen unha auténtica intromisión na súa intimidade e que mesmo lesionan os seus dereitos como menores. Vender información que fere a sensiblilidade das persoas non pode ser un negocio, consumila non pode ser un dereito.
Debemos esixir que a clase política teña unha mínima formación en xénero, que xamais busque xustificación nestes casos e que condene a violencia sen paliativos.
Poñamos as lentes violetas e convertámonos en activistas da igualdade para conseguir unha sociedade máis xusta e máis libre. Fagámolo por ELAS, fagámolo por Ana. Debémosllelo a Santi e a Julio.
Este era o comunicado sobre a violencia machista que o IES de Ribadeo lía á hora do recreo en recorda da nai de dous ex-alumnos do centro asasinada o pasado xoves en Becerreá.






















Foi promovida polo ximnasio ABFitness en colaboración co Concello de Ribadeo para promover a vida activa e o deporte neste municipio. O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, declarou: “agardamos seguir a colaboración e que cheguen a este concello máis actividades e propostas para impulsar a vida activa e o estilo de vida saudable”.
A artista Catuxa Salom presentará o seu espectáculo o sábado 30 de maio, ás 22:30 horas. O concerto forma parte da programación cultural apoiada pola Xunta de Galicia, Xacobeo 2027, Artye e Urdime. As entradas están dispoñibles de maneira anticipada por 12 euros, mentres que na billeteira do recinto terán un prezo de 15 euros. A venda anticipada realízase a través da plataforma Woutick.
López Campos salientou o apoio da Xunta a esta cita pola súa relevancia cultural e polo seu papel na dinamización do rural, así como pola forte implicación veciñal que a sostén. Durante o acto, entregou un dos premios do concurso escolar de relato e debuxo, integrado nun programa que combina artesanía, produtos de calidade, obradoiros e música. Pola súa banda, Iria Castro percorreu os postos das filloeiras, que ofreceron centos de racións deste doce tradicional aos numerosos visitantes. A deputada tamén visitou o punto de degustación de xamón de porco celta do programa Un gusto de rural, un rural degusto e o posto de divulgación Lambiscadas Científicas, dúas propostas impulsadas coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación e integradas na programación da feira.
Carlos López destacou que a Deputación colabora con esta cita –a través dunha achega de 3.000€- porque é unha das celebracións gastronómicas máis coñecidas do norte de Galicia, capaz de poñer en valor a tradición culinaria e a riqueza natural do entorno. Durante toda a mañá tiveron lugar na contorna da Praza dos Fornos os concursos de lance e mosca, unha exhibición de pesca, a pesada e as clasificacións. Xa pola tarde, tras a entrega dos trofeos, tivo lugar a verbena a cargo de Suavecito e Pedro Bermdez.
Haberá degustación diaria de ostras na carpa do porto. Concertos, showcookings, visitas guiadas e actividades mariñeiras. Lancha pola ría, exposición de maquetas e concurso fotográfico #somoslasostra2026, ademais propostas especiais en Acueo, La Casilla e Restaurante Peñalba.
A presentación correrá a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA. O acto terá lugar o venres 8 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
A área de Deportes reforzará o seu respaldo ao club cunha subvención excepcional ligada á presenza neste torneo estatal. O vicepresidente Efrén Castro visitou este mércores o equipo en Castro Ribeiras de Lea para trasladarlles ánimo e destacar a importancia de competir a este nivel para dar visibilidade ao deporte feminino e avanzar na igualdade. Ademais deste apoio puntual, a Deputación financia de maneira estable a actividade do club cunha subvención nominativa de 70.000 euros, a principal achega institucional ao seu funcionamento.



