Ribado, 3 de febreiro de 2016.- O Grupo Municipal Popular pediulle a Fernando Suárez Barcia que non minta en relación coa futura residencia de Ribadeo e esixiulle ao nacionalista que deixe de empregar o informe da secretaría municipal ao seu antollo, retorcendo o seu contido e ocultando aquilo que non lle interesa.
Desde o PP lembran que o propio informe* dos servizos xurídicos do Concello establece, sen lugar a dúbidas, que quen ten a capacidade para determinar a futura xestión da residencia é o Pleno do Concello e precisamente alí foi onde o propio alcalde e grupo ao que pertence, o BNG, votou en contra dunha moción dos populares na que reclamaban que se garanta a xestión pública e municipal do futuro centro, actitude da que agora parecen empezar a arrepentirse.
Por outra banda, os edís do Partido Popular insisten en que o Alcalde cada vez están máis “endiosado e lonxe da cidadanía” ata o punto de que ninguén entende que o Concello renuncie a unha achega de 500.000 euros por parte da Xunta por non queren enviar os dous informes técnicos que se lle reclaman.
Os populares consideran que Suárez Barcia é “un vago enrocado” nunha actitude de confrontación que prexudica aos intereses de Ribadeo, máxime cando desde a Xunta manteñen a súa oferta de colaboración.
RESULTADOS ELECTORAIS
Finalmente, os populares afirman que se Suárez Barcia quere comparar resultados electorais e a incidencia que sobre os mesmos ten a posición de cada grupo municipal, non debera esquecer que mentres que o Partido Popular gañou as últimas eleccións xerais en Ribadeo; o BNG, integrado na candidatura Nós, levou un batacazo monumental, ata o punto de converterse nunha forza case insignificante pese a ter a alcaldía e non ser capaz de rendabilizala.
*Conclusión 4º do informe
No tocante ao Concello é competencia do Pleno determinar se o servizo se presta e como se presta segundo recollen os artigos 22.2 f) da Lei reguladora de bases de réxime local e o artigo 97 do Real decreto lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de Réxime local.