Burela, 17 de febreiro 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, e técnicos de Augas de Galicia visitaban na mañá deste mércores os terreos onde podería ubicarse a nova EDAR de Burela. O rexedor considera que se esa opción é a elixida a nova estación depuradora podería ser unha realidade a finais do vindeiro ano ou a principios de 2018.
Alfredo Llano manifestou que “nosoutros recomendamos que se faga a nova EDAR para Burela nun espazo que hai no porto e fomos supervisalo para velas condicións técnicas e comprobar si é posible facer alí esa obra”. O alcalde considera que “esta infraestrutura é importantísima para o noso concello dado que a EDAR que hai agora xa está colapsada. A nosa intención é colocar unha estación depuradora biolóxica que non contamine e que sexa moi duradeira e cun mantemento moi fácil de levar”.
O rexedor burelés engadiu que “estas solucións biolóxicas son as que realmente deben imperar e as que se deben ir implantando pouco a pouco en todos os concellos porque teñen uns resultados excelentes, practicamente non dan olor e todos os reactivos que se gastan na actual non se gastarían na biolóxica”.
Na visita deste mércores “estivemos vendo a idoneidade dos terreos e vese claramente que é moi bo o sitio onde nosoutros queremos situar esta nova EDAR. Eles van tratar de encaixar tecnicamente todos os complementos e as instalacións que fagan falta para ver si é posible. Os técnicos son optimistas porque viron que pode ser un bo sitio para instalala xa que creen que teñen espazo suficiente”. O alcalde engade que “agora van certificalo en base ás condicións técnicas e se din que si o seguinte paso sería traballar con Portos e con Costas e mandar os informes pertinentes para rematar coas cuestións previas e poñerse inmediatamente a traballar no proxecto definitivo”.
Alfredo Llano asegurou que “estivemos calculando e si todo vai ben e os prazos de tempo se respectan tranquilamente para finais de 2017 ou principios do 2018 xa estaría Burela cunha nova EDAR. Vamos intentar que sexa así favorecer, traballar, compartir e estar en equipo para que isto sexa posible”.
Os técnicos de Augas de Galicia mantiveron un encontro no Concello co alcalde e cos concelleiros de Obras e Medio Ambiente, Ramiro Fernández Rey e Noelia Mª Ben.