Lugo, 11 de marzo de 2016.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pon a disposición dos concellos galegos un millón de euros en subvencións destinadas á creación de viveiros industriais de empresas en parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.
A axuda concedida poderá alcanzar os 240.000 euros para cada concello solicitante. A consellería financiará ata o 80% das actuacións de construción, reforma e equipamento interior de naves industriais, co fin de que crear un espazo físico adecuado para o nacemento de novas empresas de carácter industrial. O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de abril.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, considerou a convocatoria desta liña de axudas “unha boa nova para o desenvolvemento do tecido industrial de Galicia” e subliñou que representa unha valiosa oportunidade para que os concellos lucenses promovan o asentamento de industrias nos seus municipios.
Arias sinalou que “o goberno galego quere axudar aos emprendedores a superar as dificultades propias da posta en marcha dunha iniciativa empresarial”. Neste sentido, afirmou, “os viveiros representarán un apoio importante nas súas primeiras etapas de actividade e contribuirán ao éxito do seu proxecto”.
Os viveiros deben ofrecer as condicións e servizos precisos para a implantación inicial das empresas e a súa consolidación por un tempo limitado. Así, o acollemento terá un prazo de 12 meses e poderá prorrogarse por outros 12 máis.