A Corporación provincial acordou por unanimidade o texto realizado con motivo do Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos; e outro na defensa da convivencia, a seguridade e o respecto a todas as persoas
Lugo, 29 de xullo de 2025. A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria dúas Declaracións Institucionais: unha delas realizada con motivo do Día Internacional contra a explotación sexual e a trata de mulleres, nenas e nenos -que se celebrará o vindeiro 23 de setembro-; e outra na que a institución provincial pon de manifesto o “firme compromiso” de acadar unha sociedade baseada no respecto a lei e a convivencia. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo -PSdeG, BNG e PPdeG- acordaron aprobar ambos textos que pretenden erradicar calquera forma de violencia, discriminación e odio, e promover unha sociedade inclusiva e segura baseada na igualdade e nos dereitos humanos.
Ademais, a Deputación tamén amosa o seu apoio ás políticas públicas que protexen ás vítimas, fomentan os valores educacionais e fortalecen a cohesión social. Así mesmo, pon en valor a importancia de manter unha colaboración activa entre as administracións locais, as forzas de seguridade e a sociedade civil para construír un entorno libre de explotación, racismo e calquera forma de discriminación.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLA CONVIVENCIA, A SEGURIDADE E O RESPECTO A TODAS AS PERSOAS
Desde a Deputación Provincial de Lugo, manifestamos o noso firme compromiso cunha sociedade baseada no respecto, a lei e a convivencia.
Condenamos rotundamente calquera forma de racismo, violencia ou discurso de odio, así como calquera intento de dividirmos ou atacar a dignidade das persoas pola súa orixe, identidade ou crenzas.
As situacións vividas nos últimos días nalgúns municipios non representan o sentir maioritario dunha cidadanía que aposta pola paz e a inclusión. Por iso, reclamamos que se investigue a fondo o sucedido e, no caso de que existan responsabilidades, estas se asuman. Ningún delito de odio pode quedar sen resposta.
A xustiza é esencial, pero tamén o é o compromiso colectivo con políticas públicas que promovan a igualdade, a cohesión social e os Dereitos Humanos. Desde as entidades locais, debemos seguir impulsando espazos seguros e diversos onde todas as persoas poidan vivir con liberdade e dignidade.
Recoñecemos e valoramos o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, que cada día
protexen a nosa convivencia e garanten a seguridade que veciñas e veciños demandan, así como esiximos a dotación de medios e recursos suficientes que aseguren o mellor
desempeño do seu traballo.
Por todo iso, facemos un chamamento á unidade. Só desde o respecto mutuo, o cumprimento da lei e o compromiso común, construiremos pobos e cidades máis xustos, libres e seguros para todas e todos.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL E A TRATA DE MULLERES, NENAS E NENOS
A Deputación Provincial de Lugo súmase, un ano máis, á conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos. Esta xornada interpélanos, como sociedade, a reforzar o noso compromiso contra unha das manifestacións máis graves de vulneración de dereitos humanos e dignidade persoal. A trata con fins de explotación sexual, así como a industria do sexo, constitúen realidades profundamente inaceptables, que atentan contra a liberdade, a seguridade e a igualdade entre persoas.
En España, os datos seguen sendo preocupantes. Segundo cifras do Ministerio do Interior, en 2024 identificáronse 632 vítimas de trata, das cales 376 foron sometidas a explotación sexual.
Entre elas atopábanse 15 nenas e 1 neno, e o 98% eran mulleres. Estas cifras evidencian o carácter marcadamente feminino destas formas de violencia, o que obriga os poderes públicos a actuar con determinación e firmeza.
Ningunha forma de explotación pode ter cabida nunha sociedade libre e democrática. O compromiso coa dignidade humana esixe desmantelar os factores que perpetúan a mercantilización do corpo, especialmente de mulleres, nenas e nenos. A trata non é un fenómeno illado: aliméntase da demanda, a pobreza, a falta de oportunidades e de situacións de especial vulnerabilidade social como a que sofren mulleres migrantes, racializadas, con discapacidade, LGTBI ou en risco de exclusión, e promover medidas que respecten a súa dignidade, dereitos e diversidade.As administracións públicas, e moi especialmente os Gobernos Locais, teñen unha responsabilidade directa na prevención, detección, protección e acompañamento das vítimas.
Desde a Deputación Provincial de Lugo, reafirmamos o noso compromiso co impulso de políticas públicas efectivas, cunha perspectiva integral de dereitos humanos, centrada nas vítimas e que priorice a erradicación destas formas de violencia. Neste sentido, consideramos necesario promover marcos normativos que dificulten que locais, plataformas dixitais ou actividades económicas poidan facilitar ou beneficiarse de situacións de explotación sexual, reforzando a vixilancia e o cumprimento da legalidade. Por todo iso, instamos a:
-Traballar con visión de futuro e promover unha educación baseada en valores de igualdade, dignidade e respecto, impulsando programas nos centros escolares que fomenten a concienciación temperá fronte a calquera forma de explotación, e que contribúan á transformación social necesaria para erradicar a trata.
-Fomentar unha conciencia crítica que rexeite o consumo de prostitución e combata as mensaxes que normalizan ou minimizan esta realidade.
-Consolidar redes locais de apoio que garantan o acceso a recursos habitacionais, sanitarios, xurídicos e laborais —fomentando espazos de formación e de emprego digno— que proporcionen alternativas reais para quen decida saír de situacións de explotación.
-Reafirmar o compromiso firme das nosas entidades locais coa igualdade de oportunidades, a xustiza social e a defensa dos dereitos fundamentais.
-Favorecer a participación activa de mulleres que superasen situacións de trata no deseño e avaliación de políticas públicas, recoñecendo a súa experiencia como elemento enriquecedor.
-Reforzar a cooperación internacional e o traballo en rede con municipios e entidades de países de orixe, orientando os esforzos á prevención da trata de raíz, ao intercambio de boas prácticas e ao desenvolvemento de proxectos que aborden as causas profundas da situación de vulnerabilidade e risco.
Hoxe, 23 de setembro, expresamos o noso rexeitamento firme e decidido á trata e á explotación sexual de mulleres, nenas e nenos, e renovamos o noso compromiso coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia. Cada paso que deamos nesta dirección será unha contribución a un futuro máis digno no que ningunha muller, nena ou neno sexa xamais tratado como unha mercadoría.



















O programa inclúe inscricións, concertos, exhibicións, rutas e exposición de vehículos. Con motivo do evento, haberá cambios temporais de tráfico no casco urbano, con prohibicións de circulación e estacionamento en varias rúas e modificacións de sentido. O Concello pide á veciñanza que respecte a sinalización para garantir o correcto desenvolvemento das actividades.
A piscina abrirá de luns a venres de 8:30 a 13:00 e de 15:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. O ximnasio manterá horario continuo de luns a venres, de 8:30 a 22:00, e os sábados de 8:30 a 14:30. A tempada arrinca tras diversas melloras nas instalacións, entre elas a renovación da cuberta do polideportivo, cun investimento de 195.000 euros, así como a substitución de portas de emerxencia, a intervención en pontóns das piscinas e o cambio das huellas de volteo. O Concello continúa así reforzando o mantemento e a seguridade dun complexo utilizado diariamente por numerosos veciños e deportistas.
Este luns, 14 de setembro, visitaron Mondoñedo, a Praia das Catedrais e Santa Cruz. A viaxe evocou as lecturas de Cunqueiro e as súas Crónicas do sochantre, nun percorrido que incluíu a catedral mindoniense e o barrio dos Muíños, ademais da emblemática praia de Augas Santas. Pola tarde participaron nunha exhibición de billarda grazas á estimable colaboración dos billardeiros da comarca. O martes partiron de regreso a Loktudi.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Este luns, 14 de setembro, deu comezo un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



