Lugo, 4 de marzo de 2016.- O presidente do Comité Organizador, José Manuel Balseiro, deu a coñecer este venres o horario que rexerá no XVII Congreso Extraordinario Provincial do Partido Popular de Lugo, que terá lugar este domingo no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo.
A inauguración corre a cargo de Andrea Levy
Tal e como anunciaron no día de onte a vicesecretaria nacional de Estudos e Programas, Andrea Levy, estará presente no conclave dos populares lucenses, máis en concreto, será a encargada da súa inauguración, entorno ás 10:30 horas. Antes, desde as 9:30 horas, os distintos compromisarios e invitados poderán acreditarse.
O seguinte paso no cronograma é a constitución do plenario coa proposta e votación da Mesa do Congreso que estará presidida por Manuela López Besteiro, asistida por Agustín Baamonde Díaz, Mercedes González Alonso, Fernando Rodríguez González, Rosa Arza, Martín López e Remedios González Cabarcos.
De seguido, ás 10:50 horas terá lugar a presentación do primeiro comunicado “O sector primario piar fundamental da economía lucense” e, xusto despois, entorno ás 11:05 horas será a quenda de presentación do relatorio sobre “Política Social unha prioridade na nosa provincia”.
Os redactores destes relatorios son, no primeiro caso, Isabel García Pacín, Antonio Basanta e Manuel López e, no segundo caso, Diana Durán, Mari Teijeiro e Toño Gallego.
Balseiro presentará o informe de xestión
Rematada a lectura dos comunicados será a quenda do secretario xeral José Manuel Balseiro, que se encargará da presentación do informe de xestión, que resume as liñas mestras de actuación do partido desde a celebración do último congreso provincial ata o día de hoxe.
Ás 11:25 horas presentaranse as distintas candidaturas, de seguido, ás 11:45 horas comezará a votación e escrutinio, para o que a organización habilitará distintas mesas e arredor das 12:50 horas coñecerase o resultado da votación e será proclamada a candidata electa.
Barreiro, a presidenta electa e Feijóo
Os encargados de clausurar o Congreso Provincial lucense serán, por esta orde, o presidente saínte e actual portavoz do Grupo Popular no Senado, José Manuel Barreiro, ás 12:55 horas. Despois será a quenda da presidenta electa e ás 13:25 horas o peche co discurso do presidente do PPdeG e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
Normalidade
José Manuel Balseiro agarda que a celebración da cita congresual se desenvolva con total normalidade. Con este obxecto está prevista a colaboración dun gran número de persoas. Balseiro empraza aos militantes a disfrutar dun conclave histórico dentro da organización provincial lucense, marcado polo relevo na dirección provincial de José Manuel Barreiro tras 14 anos de mandato.

















Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.



