Foz, 9 de marzo de 2016.- Á primeira hora da madrugada do venres, a expedición do Club Kaiak de Foz partirá cara a Sevilla onde os días 12 e 13 de marzo vai disputar o XLVII Campionato de España de Inverno de Piragüismo. A expedición compóñena os cadetes, Xoel García Neira e Noel García Edrosa, o junior Andrés F. Oliveira e o veterano Ramón Lanzós Piñeiroa, acompañados polo adestrador e presidente do Club, Ignacio Romillo.
Tras a súa chegada a Sevilla, os expedicionarios do Club Kaiak teñen previsto desprazarse ata o campo de regatas para facer un breve recoñecemento da pista, dimensións, percorridos, ciabogas, etc…
O Campionato de España de Inverno comezará á primeira hora da mañá do sábado coa disputa das regatas clasificatorias. Ás 09:00 horas será a quenda de Xoel García e Noel Edrosa na regata clasificatoria de Cadete K1 2000 metros. Desta regata sairán os 70 cadetes que accederán á final: os 40 mellores cronos dos cadetes A e os 30 mellores cronos dos cadetes B. Pola súa banda, o junior André Oliveira terá a súa regata clasificatoria, tamén sobre a distancia de 2000 metros, ás 10:10 horas.
Mellor sorte correrá o “veterano” Ramón Lanzós xa que, por número de inscricións non é necesaria a regata clasificatoria, pasando a disputar a final directa ás 12:30 horas.
A final dos Cadetes disputarase este mesmo sábado ás 16:30 horas e a final dos junior disputarase o domingo ás 10:00 horas.
Todas as finais correranse sobre a distancia de 5.000 metros, computados con 1 volta de 3.000 metros e 2 voltas de 1.000 metros, ciabogando no sentido das agullas do reloxo deixando abóialas á dereita.
Tras o quinto posto conseguido por Xoel García Neira no Campionato Galego de Inverno disputado o pasado seis de marzo en Verducido, as aspiracións do Club Kaiak de Foz pasan por que entre no Top 10 da clasificación de Cadetes.