Santiago de Compostela, 22 de marzo de 16. O goberno galego confirmou este martes, en resposta a unha pregunta do portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, que non ampliará as axudas propias por paralización temporal de actividade ao sector do marisqueo a pé. Denuncia unha “discriminación clara” con respecto por exemplo ao marisqueo a flote, que coas mesmas causas para os paros si que recibe axudas da Xunta.
O parlamentario socialista propúxolle ao goberno galego que chegue onde os fondos europeos non alcanzan e utilice fondos propios para publicar unha orde de axudas que permita aos homes e mulleres que se dedican a este tipo de marisqueo acceder a este tipo de cobertura. Sinala que a negativa da Xunta “imposibilita a este sector que poida paliar as perdas ocasionadas”.
Lamentou a “fonda insensibilidade” do Goberno galego cun sector que “produce un importante número de postos de traballo, pero que desgrazadamente, debido ao desleixo do Goberno galego, cada ano acada cifras peores de ingresos e mantemento da actividade debido ao mal estado das zonas de produción e á incidencia dos parasitos”.
José Ramón Val reclamoulle ao goberno galego unha orde de axudas con fondos propios para afrontar as perdas rexistradas no marisqueo a pé na Ría de Arousa logo da aparición do parasito Martelia no ano 2012, que provocou un alarmante descenso de capturas e a conseguinte diminución de ingresos.
Xarda
O portavoz de Pesca presentou ademais unha pregunta diante do novo reparto de posibilidades de pesca da xarda. Esta pon de manifesto clara fragmentación do sector trala aparición de dez entidades asociativas, moitas delas compostas por tan só 3 ou 4 barcos, diante do desleixo do goberno galego que “prefire provocar un sálvese quen poida que buscar unha xestión conxunta en beneficio de todos”.
Isto significa, dixo, que “o goberno galego, logo de dous anos de intensas protestas, non foi quén de visualizar a difícil situación que está atravesando o sector nin de implementar accións que posibiliten a xestión conxunta para mellor aproveitamento dos recursos”. Acusou á Xunta de provocar a atomización do sector galego “fronte a outras comunidades autónomas que apostan pola xestión conxunta”.
Acusounos de “amosarse en contra da fragmentación do reparto de cota de xarda, pero seguen sen facer nada cando o problema é o reparto individual e os criterios da propiedade que se outorgan ás embarcacións e que sitúan os dereitos de pesca duns por enriba de outros”.
Preguntou “quén ten máis dereito a pescar, a nosa flota que leva máis de 20 anos autorregulándose e reducindo os días de traballo buscando unha pesca sostible ou aqueles que levan todo este tempo traballando sen limitacións?”.