Foz, 11 de marzo de 2016. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, destaca a importancia da aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no pleno da corporación municipal co voto favorable dunha ampla maioría: 11 de 13 de concelleiros. Ademais o rexedor explica que agora queda o traballo coa Dirección Xeral de Urbanismo, da Xunta de Galicia, para que sexa aprobado definitivamente.
“Este xoves a corporación municipal de Foz aprobou quizais un dos documentos máis importantes dos últimos anos: o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Hai que ter en conta que se deron moi poucos pasos nos últimos 30 anos con respecto ao urbanismo e este é un avance grandísimo, moi importante para mellorar o concepto urbanístico do noso concello. O día de onte é feliz para moita xente, sobre todo para os concelleiros, que a maior parte deles apoiaron esta aprobación provisional, pois foi cunha ampla maioría, xa que houbo 11 votos a favor dos 13 concelleiros que ten a nosa corporación. Polo tanto foi unha satisfacción que explotou ao final do debate cun aplauso de todos os asistentes. A verdade é que hai poucos momentos na política, sobre todo nos debates do pleno, nos que se pode quedar un con esa satisfacción. E o día de onte foi importante porque os que estaban aplaudindo esa decisión eran nin máis nin menos que aqueles que traballaron duramente durante estes últimos anos; refírome claramente á xente que estivo nos grupos de veciños, máis de 20 persoas, que representaron tanto ás parroquias como aos barrios do concello, que traballaron de maneira altruísta para que teñamos un documento moderno e que sexa unha referencia para o urbanismo do noso concello”, manifestou este venres Javier Castiñeira.
Ademais o alcalde deu os parabéns “aos concelleiros do Partido Socialista, aos da Plataforma máis os cinco do Partido Popular, os 11 que apoiamos con esa ampla maioría a aprobación provisional” e explicou que “agora queda por diante un traballo de algún mes xa directamente coa Dirección Xeral de Urbanismo e esperamos que isto remate coa aprobación definitiva. E despois non hai que durmirse e temos que seguir traballando en aras de mellorar o aspecto do noso pobo, de mellorar a sustentabilidade e que sexa un concello con oportunidades e con seguridade xurídica. E iso garánteo un documento como o Plan Xeral. Polo tanto estou satisfeito e contento e quero dar as grazas a aqueles que durante os últimos meses traballaron intensamente para sacar este documento antes de que entre en vigor a nova Lei de Protección do Medio Rural, que será o 19 deste mes de marzo. Se non se aprobase este documento antes dende logo estaríamos nunha situación completamente distinta. Quero agradecer tamén, por suposto, aos dous técnicos municipais que nestes días tiveron un traballo enorme, o secretario e o interventor, e aos redactores, que foron os que velaron para que este documento puidera estar listo no día de onte para aprobalo con esa ampla maioría”.