Mondoñedo, 19 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG no concello de Mondoñedo critica que nunha das épocas de maior afluencia turística na cidade, as singulares canles do Barrio dos Muíños están nun total estado de abandono, con abundante vexetación e practicamente sen auga.
Para os nacionalistas, este estado que provoca unha mala imaxe do entorno xunto con posibles problemas de salubridade, é consecuencia da falta de xestión e da mala planificación do goberno municipal que non é capaz de conseguir con medios propios ou por mediación de Augas de Galicia unha solución definitiva ao problema de abastecemento das canles dos Muíños polo río Valiñadares.
Para o portavoz do BNG, Eloi Cabanas, esta situación é inadmisible, “non pode ser que nestas datas o Barrio dos Muíños presente este aspecto, principalmente tendo en conta que o goberno de Elena Candia promociona Mondoñedo como Cidade Turística en medios de comunicación e en feiras como FITUR”.
Sabendo da complexidade do problema, porque hai que facer un muro de contención para derivar a auga polos canais, o portavoz nacionalista recorda que o goberno anterior deixou un presuposto elaborado por unha empresa da localidade para o arranxo da situación, “as canles levan practicamente tres meses neste estado e a chapuza que fixeron ao pouco de entrar no goberno non serviu para nada xa que e a primeira riada que veu no inverno deixou os canais outra vez sen auga”.
O concelleiro do BNG explica que xa pasaron nove meses desde a toma de posesión do actual goberno municipal e a día de hoxe non se coñece ningunha actuación que solucione de forma definitiva o problema que padecen tanto visitantes como os residentes do barrio.