Burela, 8 de marzo de 2016.- O alcalde, Alfredo Llano, mantivo na mañá deste martes unha reunión coa mesa xeral de negociación do persoal laboral e funcionario do Concello. No encontro abordouse a realización dunha nova RPT (Relación de Postos de Traballo) e tamén se acordou a eliminación das taxas para aquelas persoas que se presentan ás probas de selección que convoca o Concello estando no paro e que non perciben prestación contributiva algunha.
O rexedor contou que “foi un debate acerca da elaboración e adecuación á normativa vixente da Relación de Postos de Traballo, por exemplo comprometémonos a algo que urxe facer no Concello de Burela como é unha valoración de postos de traballo, unha RPT. Como xa dixen na reunión, o que nos debe interesar a todos é ter unha idea clarísima de que tipos de postos de traballo queremos no Concello de Burela, dadas as súas características, coa dimensión, co traballo que hai aquí, coa cantidade de servizos que estamos ofrecendo aos nosos veciños. Vamos estruturar e facer unha arquitectura exacta dos postos de traballo que se necesitan para que este Concello funcione perfectamente. Unha vez que teñamos iso feito seguiremos avanzando no tema”.
Llano dixo que “hai dúas posibilidades de facer esta RPT: unha delas é a través da Deputación de Lugo, pola que xa estamos sendo asesorados día a día e xa fixeran algo disto hai anos, pero tamén vamos ver as posibilidades que hai con empresas que xa teñen moi experimentada esta labor de facer unha Relación de Postos de Traballo para diferentes Concellos”.
O alcalde subliñou que “o que si queremos deixar claro é que pretendemos que neste ano 2016 quede feita dunha forma definitiva, clara e concisa unha boa Relación de Postos de Traballo, sempre con vistas a unha mellor funcionalidade e que o Concello de Burela poida aportar o mellor dos seus servizos para os veciños; esa é a nosa intención”.
Na reunión desta mañá “outra cuestión que tratamos que considero importante é que no Concello existen dúas formas de contratar a traballadores: unha delas é a través do INEM, ao que solicitamos que nos envíen unha serie de persoas para ocupar un determinado posto; entón desta maneira aquí non pagan taxa ningunha para facer as probas selectivas; pero cando as prazas que se convocaban eran libres, ás que podían acudir xente que estivese traballando ou non, ou que estaban nun posto parecido e querían mellorar, entón cobrábase unha taxa. Agora, de acordo cos sindicatos na mesa de negociación, vamos eliminar o cobro desa taxa a aquelas persoas que demostren que están no paro sen cobrar ningunha prestación contributiva. É dicir, que aquelas persoas que estean no paro e queiran participar nun proceso de selección para un posto de traballo no Concello, sexa libre ou non, se están desempregadas sen percibir prestación contributiva poden facelo sen pagar esta taxa. Creo que é algo bo, dado que facilita que se poida darlles oportunidades igual que a todos a aquela xente que está no paro”.
Alfredo Llano engadiu que “despois estivemos falando doutras cuestións que iremos vendo a medida que vaiamos avanzando na mesa de negociación, na que hai moitos asuntos que tratar como por exemplo as peticións de vacacións e de días libres e outras cuestións que son importantes para o bo funcionamento do Concello e para a motivación laboral dos nosos traballadores. Foron 8 puntos os que tratamos hoxe e quedamos en seguir avanzando nestes temas na mesa de negociación cando creamos oportuno. Evidentemente vai ser algo frecuente, porque gusta a todos: tanto aos responsables dos sindicatos como aos do Concello”.