Burela, 2 de marzo de 2016. O salón de plenos acolleu este mércores a recepción que o Concello lle ofreceu a Pitero, un rapaz do Burela FS, que foi convocado coa selección española. É a primeira vez que acude a esta cita un xogador das categorías base do club burelés.
O acto estivo presidido polo alcalde, Alfredo Llano, e polo concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, que subliñou que “isto é motivo de orgullo para Burela, e dende o Concello animamos a Pitero a seguir traballando para que estas convocatorias se convertan en algo habitual”. O edil socialista aproveitou a ocasión para felicitar ao Burela FS “polo traballo que están a facer os técnicos das categorías base, agardamos que siga nesa liña e que moitos rapaces do noso pobo poidan xogar neste club e poidan chegar a seren seleccionados, como aconteceu con Pitero”.
No Concello tamén estiveron este mércores o presidente do Burela FS, Manolo Blanco e o coordinador da base, Alfonso Mera. No acto Pitero recibiu unha figura de cerámica do Faro de Burela.