Santiago, 8 de marzo de 2016.- O voto favorable do Grupo Popular foi decisivo para que prosperase esta tarde un acordo unánime na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego polo que se reclama do Goberno español a transferencia á Xunta dos servizos e funcións en materia de investigación oceanográfica, en particular, os recursos e persoal dos centros costeiros do Instituto Español de Oceanografía situados en Vigo e na Coruña e do Instituto de Investigación Mariñas con sede en Vigo.
O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que o voto favorable do seu grupo “responde a unha postura de coherencia, xa que logo a propia Xunta xa realizou formalmente a demanda deste traspaso e, no interese dos populares galegos está manter a axenda de transferencias deseñada polo Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo e que deberá ser negociada co futuro Goberno español”.
Balseiro defendeu que, dado que a pesca constitúe un sector estratéxico de primeira orde para a Galicia e a investigación é un dos principais fenómenos que inflúen no aproveitamento racional das pesquerías, “é prioritaria a integración, baixo responsabilidade da Xunta, de todos os organismos de investigación mariña existentes na comunidade autónoma”.
“Esta situación posibilitaría a optimización dos recursos humanos e técnicos existentes e permitiría unha maior capacidade para establecer as prioridades na materia de investigación marítima”, apuntou.