Mondoñedo, 20 de abril de 2016.- Mondoñedo celebrará a súa tradicional Feira e Festa das Quendas a fin de semana do 29 ao 1 de maio, entorno a un programa que nesta edición unifica a tradición das festas (Feira Tradicional de Gando Cabalar, Festa da Empanada, Xornadas da Carne do Poldro Galego) cunha ampla oferta cultural e literaria coa inclusión da actividade, entre outras, Mondoñedo é Poesía.
As Quendas 2016 comezarán o venres 29 de abril co pregón do escritor e músico galego, Cesar Morán Fraga, no Auditorio Municipal Pascual Veiga, ás 20:15 horas; trala recepción oficial no Concello.
O cabalo, o gran protagonista
O sábado 30 de abril, o cabalo ten unha relevancia especial coa saída ás 10:30 horas do Campo da Feira da III Ruta a Cabalo “As Quendas”, cuxa inscrición remata o xoves 28 a través dos teléfonos 639 021 130 e 664 352 733, por un importe de 20 euros (inclúe almorzo e xantar no bar Bigotes). Ademais, ás 17:30 horas, no recinto da Granxa, será a exhibición e concurso hípico de salto, a cargo de Hípica Equs Caballetti (Lugo) e Centro Ecuestre Os Parrulos (A Coruña).
A V Xornadas da Carne do Poldro Galego inclúen tanto o sábado como o domingo degustación de balde deste produto na Alameda dos Remedios, servida polo bar Bigotes en horarios de 13:00 a 14:00 horas e de 20:00 a 22:00 horas; ademais haberá tapas elaboradas con poldro nos locais de hostalería mindoniense.
O domingo, 1 de maio, é o día grande das festas coa celebración da Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar, no Campo da Feira, a partir das 9:00 horas. Ás 11:45 sairán da Casa do Concello as raíñas e damas das festas, xunto cos cabezudos e o Grupo de Gaitas “Ledicia” cara a Feira do Gando, percorrendo os distintos postos. Xa ás 13:45 horas no Campo da Feira terá lugar a entrega de Premios do Concurso de Gando.
O domingo tamén se celebra o Mercado de Produtos do Campo Galego e a XXXIII Festa da Empanada, coa venda deste produto na Alameda e a súa degustación durante todo o día nos negocios de hostalería da cidade.
Ás 8:00 horas do domingo, dá inicio a II edición da carreira popular TCX Mondoñedo “A Toxiza Classic Xtreme”, con saída da Praza da Catedral.
Ampla oferta cultural e literaria
O domingo terá lugar a terceira edición da actividade cultural Mondoñedo é Poesía 2016, que convoca a numerosos autores e autoras (escritores, músicos, debuxantes, libreiros, críticos …) que en diferentes rúas, prazas e espazos culturais da cidade de Mondoñedo ofrecerán as súas creacións.
Os horarios e lugares serán os seguintes: ás 18:00 h., na Praza da Catedral, ás 18:30 h. na Praza da Concello e ás 19:00 h na Praza Jaime Cabot.
Interveñen: Margarita Bermúdez, Mateo Buján, Martiño Maseda, Moncho García, Mª José Fernández, Raúl Costas, Xosé Ruíz Leivas, Antía Juncal e Coro “Mestre Pacheco”.
Mentres que no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” de 20:00 a 21.30 h será o Recital “Mondoñedo é poesía” . Interveñen músicos (César Morán, Carmen Rodríguez Lage e Coro “Mestre Pacheco”), e poetas (Darío Xohán Cabana, Antonio García Teijeiro, María Lado, Lucía Aldao, Martiño Maseda, Mª José Fernández, Mateo Buján, Raúl Costas, Antía Juncal e Xosé Artiaga). O colofón será coa homenaxe a Manuel Fernández de Castro, bispo de Mondoeñdo entre 1890 e 1905, e figura do rexurdimento da llingua asturiana ao cumprírense 110 anos do seu pasamento. Este acto contará co intervención do académico da Academia de la LLingu Asturiana. Xosé Ramón Iglesias Cueva.
Mondoñedo é Poesía 2016 incrementa nesta edición as actividades complementarias, nesta ocasión coa celebración tanto o sábado coma o domingo dunha Expo-libro, exposicións, obradoiros… O programa de actividades é o seguinte:
-Obradoiro de regueifas a cargo de Josiño da Teixeira, en colaboración coa Tradescola de Lugo. O luns, 25 de abril desenvolveranse dúas sesións, unha no IES “San Rosendo” e outra no CEIP “Álvaro Cunqueiro”
-Debuxando Mondoñedo (SKETCHCRAWL GALICIA, 2ª edición). Sábado, 30 de abril (de 11:00 a 19.00 h.) Debuxantes e pintores cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes da cidade e das xentes ao vivo e que se difundirán a través das redes sociais. Ás 19:00 h. debuxantes escritores reuniranse na Escola da Música para unha posta en común das diferentes experiencias. Lugar de cita ás 11:00 h. na Praza da Catedral.
-Exposición fotográfica “Mondoñedo sentimental (Vidas e paisaxes)”. Fotografías evocadoras do pasado mindoniense. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)
-Expo-Libro Mondoñedo Feira de libros. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, na Praza Jaime Cabot (de 11:00 a 14.00 h. e de 16:00 a 20:30 h.). No marco da Expo-Libro terán lugar numerosas presentacións de libros que comezarán o sábado cun pregón homenaxe á imprenta, a cargo de Antonio Reigosa. A xornada do sábado dedicarase á presentación de títulos e autores mindonienses e mariñaos (Armando Requeixo, Maka Ledo, Pepe Peinó, Rita Morrigan, Patricia C. Beltrán, Jose Díaz, Paco Rivas, E. Cal Pardo, X. Ramón Fernández Pacios, Andrés García Doural e Isidro Fernández Villalba) e a do domingo a novidades 2016 coa presentación de títulos do colectivo “O sétimo andar da porta verde” con Mª José Fernández, Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro, Mª Xosé Lamas, Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa.
-Tendal de Poesía no Auditorio “Pascual Veiga”. Instalación de traballos con poemas do alumnado dos centros escolares mindonienses. Sábado, 30 de abril e domingo, 1 de maio, no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” (visitas de 11:00 a 14.00 h., e de 16:00 a 21:30 h.)
Música
A programación das Feiras e Festas das Quendas tamén conta con actuacións das mellores orquestras galegas, así como coa celebración dun concerto estrela. A noite do venres estará amenizada pola orquestra La Nueva Phila na Alameda; o sábado a sesión vermú será ás 14:00 horas, coa orquestra Salsarena, que actuará tamén pola noite xunto á formación Montreal. Ás 22:00 horas do sábado será o concerto acústico de Mikel Erentxun no Auditorio Municipal Pascual Veiga (a venda anticipada de estradas en Abanca ten un custo de 14 euros e en taquilla de 18 euros). O domingo, a música virá da man da orquestra Principal.





















Xunto a autoridades locais, destacou a importancia de preservar as tradicións e lembrou que a Deputación destinou este ano 400.000 € ao Concello para servizos básicos. A festa, creada en 1992 e impulsada pola Asociación de Amigos da Malla, busca recuperar e poñer en valor este oficio tradicional. A programación incluíu documental, obradoiros, música, exposicións de maquinaria antiga e actividades para nenos.
Ata a Cedofestiña, que tivo lugar onte no Pazo de Cedofeita, se achegaron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. O Concello colaborou unha edición máis coas Vacas Fracas.
Con motivo desta data tan especial, o alcalde Demetrio Salgueiro, xunto ás concelleiras Tamara Soto e Mª Dolores Meitín, visitouna para felicitala persoalmente e compartir con ela unha celebración tan emotiva. O Concello destacou a alegría e o orgullo que supón chegar ao século de vida e trasladoulle os seus parabéns, desexándolle saúde, felicidade e moitos máis anos rodeada dos seus seres queridos.
A clientela aproveitou esta cita para facerse con artigos de tempada a prezos moi interesantes. É a segunda vez neste mes de agosto que se celebrou o Comercio na Rúa en Ribadeo. Para a organización desta campaña Acisa contou coa colaboración do Concello de Ribadeo, Comercio Galego e Xunta de Galicia.
Villares visitou a exposición fotográfica dedicada a Calvo-Sotelo, instalada na praza de Pancho Maseda, que forma parte do programa conmemorativo do centenario. A mostra reúne unha selección de imaxes seleccionadas pola propia familia do expresidente para achegar á cidadanía diferentes momentos da súa traxectoria persoal e política. A conmemoración, que se estende ao longo de todo 2026, busca poñer en valor a figura de Calvo-Sotelo e a súa relación con Ribadeo, onde deixou unha importante pegada vinculada, entre outras cuestións, ao impulso de infraestruturas.
Durante case dúas horas desenvolveuse unha conversa aberta arredor do mundo do espírito e do contido da obra, nun encontro ao que asistiu un grupo numeroso de persoas dispostas non só a escoitar, senón tamén a dialogar e compartir reflexións. Tras a intervención inicial de Pepe Peinó como responsable do proxecto, tomou a palabra o escritor Lionel Rexes, quen achegou novas perspectivas antes de abrir o debate ao público. As opinións, argumentos e matices sobre relixión, espiritualidade, Deus e os valores que sustentan a convivencia foron enchendo o espazo nun ambiente participativo e respectuoso, no que as diferenzas quedaron en segundo plano fronte á forza do diálogo, a solidariedade e o afecto.
O alcalde, Dani Vega, fixo un balance moi positivo: “foi un concerto moi especial nun marco espectacular, como é a igrexa parroquial de Ribadeo, e no que o gaiteiro Carlos Núñez encandilou aos asistentes co seu repertorio. Todos os asistentes disfrutámolo moito”. Xunto a Carlos Núñez estiveron o rexedor e as concelleiras de Cultura, Turismo e Seguridade, Begoña Sanjurjo, Marta Saiz e Montse Seijo.



