Santiago, 23 de abril de 2016.- A Xunta, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo intensificará os labores de inspección nas vivendas de promoción pública da súa propiedade, adxudicadas tanto réxime de alugueiro como de compravenda, co dobre obxectivo de comprobar a efectiva ocupación das mesmas polos seus adxudicatarios e evitar os impagos por parte daqueles inquilinos que dispoñen de ingresos suficientes.
Con tal fin, o IGVS remitirá unha comunicación a todos os adxudicatarios con débedas pendentes, que deberán acreditar, se é o caso, a imposibilidade de facer fronte ao seu pago. De ser así, o Instituto Galego da Vivenda e Solo buscará acordos que ofrezan aos adxudicatarios facilidades para afrontar as débedas.
Aumentaranse as inspeccións co obxectivo de garantir que as máis vivendas que compoñen o parque público de vivenda en alugueiro e as que foron adxudicadas en réxime de compravenda estean ocupadas polos seus destinatarios, que son, por regra xeral, familias con ingresos inferiores a 1,5 veces o Iprem no caso do alugueiro e de 2,5 veces o Iprem no caso da compravenda.
Ao mesmo tempo, evitarase o impago do alugueiro por parte de quen ten medios suficientes para facer fronte a mensualidades reducidas, o que supón un comportamento insolidario coa meirande dos adxudicatarios que cumpren escrupulosamente as súas obrigas e cos demandantes de vivenda de promoción pública.
A intensificación das inspeccións é unha medida incluída no Plan rehaVIta, o plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020, que prevé accións destinadas á xestión das vivendas públicas, co obxectivo de facilitar o acceso á vivenda dos sectores con maiores dificultades, facilitar a existencia dun parque adecuado e suficiente de vivenda publica en arrendamento, minimizar a falta de pagamento da renda, dos gastos de comunidade e IBI, evitar o mal uso e conservación da vivenda.
Por outra banda, o Plan rehaVita prevé medidas para adecuar a renda mensual ás variacións de ingresos do inquilino, propoñendo a adquisición da vivenda ou a resolución do contrato cando o seu nivel de ingresos supere unha contía determinada que garanta o seu acceso á vivenda en propiedade.
Entre as medidas previstas no Plan RehaVIta está a determinación de prezos de renda fixos, establecendo bonificacións en función das circunstancias persoais e familiares do adxudicatario. Ao mesmo tempo, está previsto revisar anualmente o importe da renda a pagar, para adecuala ás posibles variacións rexistradas nos ingresos dos adxudicatarios, garantindo desta maneira que as mensualidades a pagar se axusten ás posibilidades reais de pago de cada adxudicatario en función dos seus ingresos.
O mantemento do parque público de vivenda en alugueiro tivo un custe para a Xunta en 2015 de máis de 5,6 millóns de euro, xa que supuxo un investimento de 2,6 millóns de euros no pago de cotas de comunidade, IBI, reparacións, derramas por obras realizadas polas comunidades, etc. e, por outra parte, o importe das bonificacións aplicadas aos adxudicatarios no prezo do aluguer acadou os 3 millóns de euros.





















As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
O percorrido comeza nun lugar simbólico: as pontes sobre o río Sor, que unen as provincias da Coruña e Lugo e marcan un dos vértices do territorio lucense. Con esta iniciativa, Guido Guía propón unha travesía pola diversidade paisaxística, histórica e humana da provincia, destacando a riqueza dos seus espazos naturais, monumentos e comunidades.
O delegado subliñou o importante papel que realiza o tecido social para conseguir melloras en beneficio da veciñanza e dinamizar social e culturalmente a localidade. Neste sentido, lembrou que a Xunta impulsa o movemento asociativo a través de apoios para o acondicionamento dos seus locais ou para o desenvolvemento de actividades.
A cita será o luns 19 de outubro, ás 17:30 horas, cun punto de encontro no peirao de San Cibrao. Ademais, os diferentes edificios municipais iluminaranse de cor rosa para sensibilizar á poboación sobre a importancia da detección precoz, fundamental para mellorar o prognóstico e a supervivencia das pacientes que padecen esta enfermidade.
O domingo 20 de decembro a Praza César Chavarría acollerá de 11:00 a 20:00 horas unha nova edición do Mercadiño de Nadal organizado polo Concello de Lourenzá, “unha cita para desfrutar do ambiente destas datas e compartir unha xornada especial na nosa vila”, anuncia a alcaldesa, Rocío López. O prazo de inscrición para instalar cun posto xa está aberto e a participación é totalmente gratuíta. As solicitudes poden facerse ata o 16 de decembro nas oficinas do Concello de Lourenzá ou a través do teléfono 982.121.006.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.
No encontro, abordáronse temas como a posibilidade de colaborar na mellora da formación dos traballadores, destacando a importancia que ten ese aspecto neste sector estratéxico para Galicia. Tamén se trocaron puntos de vista relativos ás condicións laborais dos profesionais do mar.



