Ribadeo, 12 de abril de 2016. As IX Xornadas de abordaxe integral da violencia de xénero desde o ámbito local desenvolveranse en Ribadeo os días 22 e 23 de abril. Están organizadas pola Concellaría de Igualdade, polo CIM e pola Mesa Institucional da Violencia de Xénero. Nesta 2016 o seu título é Ningunha agresión sen resposta. Están dirixidas a profesionais que traballan con mulleres vítimas desta lacra social, pero tamén á poboación en xeral. A inscrición, que é gratuíta, ábrese mañá, 13 de abril.
A edil Mariluz Álvarez Lastra lembrou que a diario na prensa, na radio e na televisión estamos a coñecer casos de violencia de xénero e convidou “a todo o mundo a que asista, que se fagan cos programas e que participen naquelas charlas que lles poidan resultar atractivas ou dar información”. A concelleira nacionalista subliñou que “o nivel dos relatores que veñen a Ribadeo sempre é excepcional, comparable ao das cidades. Temos a sorte e o empeño de facer que estes profesionais compartan con nós estas xornadas”. Para Álvarez Lastra “esta é unha inversión de futuro, é o momento de que poñamos cartas no asunto, cada un de nós, como cidadáns de a pé, como pais, como nais, como profesionais do ensino, como sanitarios, que traballades nese ámbito, como forzas e corpos de seguridade do Estado, pero sobre todo como persoas que convivimos nunha sociedade e que temos que facer unha unión contra esta lacra social”.
A concelleira de Igualdade indicou que “a temática abranguerá todos os sectores. Tratará de abordar aquelas temáticas que nos preocupan e que están a violentar as nosas vidas como mulleres e dar alternativas e opcións de que é o que se pode facer no ámbito educativo, no ámbito sanitario, ante estas circunstancias que estamos a vivir”.
A directora do CIM, Luisa González, aludiu ao título das xornadas este ano: “decidimos titulalas como ningunha agresión sen resposta, que pode ser un título como bastante activista e ás veces é o lema que hai en moitas mobilizacións sociais. Pero realmente no programa o que queremos transmitir é iso, é dicir que hai unha multiplicidade de manifestacións de violencia cara as mulleres e este ano imos tocar determinadas violencias que non abordamos nas outras edicións. Imos estendernos mais aló do que é a violencia entre a parella ou a ex parella analizando novos temas nos que as mulleres seguen a ser agredidas polo feito de seren mulleres”.
Os relatorios dos días 22 e 23 de abril estudarán cuestións como: a violencia obstétrica, outra forma de violencia de xénero; os feminicidios no Estado español, unha cuestión de Estado; as violacións nas aglomeracións, nos contextos nocturnos e de ocio; as resistencias masculinas á convivencia en igualdade; o proceso de reparación das mulleres vítimas de violencia de xénero; ou os machismos de micro nada.
A cartelería e os programas de man das IX Xornadas de abordaxe integral da violencia de xénero desde o ámbito local daranse a coñecer a finais desta semana. Será despois da celebración da gala Laretas da Igualdade, que terá lugar este xoves, 14 de abril, ás 20.00 horas no Teatro.
As xornadas presentáronse esta tarde no Concello de Ribadeo por parte da edil de Igualdade, da directora do CIM e de varias representantes da Mesa institucional da violencia de xénero.