Foz, 13 de abril de 2016. Os gañadores da XIII Ruta das Tapas servirán as tapas premiadas no concurso este sábado, 16 de abril. Fraggle Rock, Xoyma e Anduriña prepararán de novo as súas propostas “O mar de Foz”, “Campo Mariano” e “Roliño de filloa negra rechea de mouse de chipirón en tinta con salsa de queixo de San Simón, porro crocante e esferificacións de queixo”. Os que se acheguen durante esa xornada a estes locais poderán saborear ditas tapas ao prezo de 1,50 euros.
Á iniciativa súmanse tamén dous establecementos hostaleiros máis: A Funcional e Costumes do Mar, que ofrecerán de novo as tapas que presentaron a concurso.
A XIII Ruta das Tapas celebrouse en Foz do 24 ao 26 de marzo. Foi un xurado profesional o que elixiu as tres tapas gañadoras. Acia/CCA Foz xa anunciou hai uns días que “o próximo ano crearemos o premio para a Tapa da Mariña, co obxectivo de potenciar os produtos ecolóxicos, os nosos produtos, os da terra e os do mar desta zona”.