Foz, 20 de abril de 2016.- O xoves 21 ás 20.30 horas o Cenima de Foz acolle a cuarta das conferencias das Xornadas “Sentirmos a Arte”, organizadas a asociación cultural “A Pomba do Arco” no marco do Mes das Artes Plásticas da Mariña, na que participará o debuxante gráfico do Morrazo Luis Davila “O Bichero”.
Luis Davila “O Bichero” é un dos debuxantes humorísticos máis coñecidos e recoñecidos de Galiza, mantén unha viñeta diaria en diversos xornais galegos e autor de varios albumes de debuxo e da imaxe gráfica de diversas empresas e eventos culturais e festivos, sendo este ano o autor da imaxe gráfica do “Antroido de Foz”. Luis Davila “O Bichero” fará unha demostración en directo da súa técnica de debuxo e do seu humor, elaborando caricaturas e tiras cos presentes. O seu nome artístico, “O Bichero” procede da denominación que recibe nas Rías Baixas un pau longo cun gancho metálico en cada un dos extremos que se utilizan nas pequenas embarcacións para arrimar o bote ao peirao, coller algo que caeu ao mar, ou agarrar un cabo, isto é unha sorte de “Navalla Suiza” para a xente do mar.
Luis Davila “O Bichero” que fará unha demostración en directo da súa técnica de debuxo e do seu humor, elaborando caricaturas e tiras cos presentes, ten como temática do seus debuxos cousas a realidade cotiá ás que se achega de xeito divertido pero incluindo tamén unha sutil carda de crítica social. Así os seus debuxos fálanos dos problemas dos desafiuzamentos ou das preferentes, da situación do idioma, dos problemas laborais pero tamén das festas populares, dos problemas da terceira idade e das novas tecnoloxías. Actualmente está participando nun espectáculo de humor con Carlos Blanco, tamén deseña camisetas humorísticas e prepara a edición dun novo álbum de debuxos, algúns dos cales dará a coñecer ao longo da charla, asinando tamén exemplares das súas diversas obras ao final do acto.