Marco Pereira Oliveira e Helena Valle García, ambos alumnos do IES Perdouro de Burela, presentaban na biblioteca do IES Perdouro de burela o programa radiofónico “Grandes Voces do Noso Mundo” en antena desde o 22 de xaneiro de 2016 en Radio Burela.
Así, o programa musical dedicado ás grandes voces da música cantada nos países de raíz galega chegará nesta semana a completar a súa primeira ducia de emisións. Ademais da selección musical, o programa emitido os venres entre as 19.00 e as 20.00 horas ten unha sección dedicada á conversa sobre a música. Na primeira das emisións o entrevistado foi o profesor Manolo Maseda Deán, acordeonista e voz dos Diplomáticos de Monte Alto, impulsor da Festa da Marosa e actualmente director do instituto de Baio. Nos seguintes programas, participaron en vivo e en directo grandes artistas como Miro Casavella, María do Ceo ou Xurxo Souto.
En cada unha das emisións, Marco Pereira de Oliveira, alumno de Ciclo Superior de Administración e Finanza do centro burelao, está acompañado nos estudios de Radio Burela por Helena Valle García, alumna de bacharelato, que lle axuda no manexo do guión escrito en braille e que o acompaña na locución. Moi pendente da emisión está tamén Mónica Palacios Ferreira, que se ocupa todas as semanas de manter informada a audiencia a través do blogue Grandes Voces do noso Mundo que ela mesma deseñou: www.grandesvocesdonosomundo.blogspot.com.
Este programa musical dirixido polo mozo invidente ten xa unha audiencia moi fiel, distribuída por moitos lugares do mundo (Portugal, Cabo Verde, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, etc.) e está apoiado por diversos docentes que traballaron con Marco no colexio Pedro Caselles e no Instituto Illa de Sarón, de Xove; no IES Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; e na propia ONCE.
Ademais de por Helena Valle e Mónica Palacios, Marco Pereira estivo acompañado por Karina Parga, Vicedirectora do centro; María Jesús Permuy, profesora orientadora; Dolores Otero, profesora de Música; Belén López, coordinadora da área de innovación educativa; e por Cristina Ramudo, a profesora de Pedagoxía Terapéutica a quen el chama “os meus ollos” (porque ela se ocupa diariamente de transformar os materiais docentes para o sistema braille e ao mesmo tempo orienta o estudo do mozo cego).