O voceiro do PSdeG, Pablo Díaz, alerta de que unha concelleira do PP non asiste aos plenos desde xullo e que Rancaño move o calendario para evitar perder votacións
Abadín, 24 de setembro de 2025. O Grupo Municipal Socialista de Abadín denuncia que o alcalde, Xosé María López Rancaño, volveu incumprir a periodicidade acordada para a celebración dos plenos ordinarios e que manipula o calendario das sesións en función dos intereses do seu grupo.
O voceiro socialista, Pablo Díaz López, lembra que o rexedor xa fora advertido en anteriores ocasións deste incumprimento e que, lonxe de corrixilo, reincide de novo. “O pleno ordinario debía celebrarse o último venres de setembro, tal e como establece a normativa que fixa esta data en todos os meses impares. Ao coincidir con festivo local, debía trasladarse ao venres seguinte, pero o alcalde decidiu levalo ao mércores 1 de outubro, amparándose en supostos ‘compromisos ineludibles da Alcaldía previamente adquiridos’. É unha simple escusa para non cumprir cos acordos plenarios e volver manipular o calendario ao seu antollo”.
Para Díaz, esta manobra responde unicamente a motivos políticos. “Unha das concelleiras do PP non asiste aos plenos desde o 15 de xullo, data en que renunciou á dedicación exclusiva, e agora mesmo o goberno conta cos mesmos votos que a oposición. Por iso, o alcalde move os plenos segundo lle convén, para garantir que os seus seis concelleiros non falten e non perder votacións. É unha manipulación descarada das regras de funcionamento democrático”.
Os socialistas subliñan que “os plenos son o principal espazo de control ao goberno e de atención ás demandas da veciñanza. O alcalde está a utilizar o calendario das sesións como unha ferramenta partidista, incumprindo a lei para evitar o control da corporación”. Para Díaz, “estas prácticas evidencian un executivo débil, en horas baixas e máis preocupado por sobrevivir que por resolver os problemas reais de Abadín. Desde o PSdeG non imos permitir que se siga deteriorando a democracia municipal nin que se silencien os problemas da veciñanza”.
Desde o PSdeG-PSOE de Abadín teñen previsto levar ao pleno varias cuestións que seguen pendentes de resposta por parte do executivo. Preguntarán sobre o acceso ao proxecto da planta de produción de biometano, solicitado a pasada semana sen obter contestación; sobre a contratación do conserxe, cun proceso de consolidación aberto dende hai máis de dous anos sen resolver; e sobre o uso de maquinaria municipal para o desbroce de fincas privadas.















Arxentina de nacemento e viveirense de corazón, retomou en Galicia a súa vocación artística e atopou na escultura a súa forma de expresión. A súa obra céntrase en figuras humanas cargadas de emoción, en soidade ou en relación cos outros. A exposición reúne pezas seleccionadas e premiadas en certames de Madrid, Barcelona, Valdepeñas e Florencia nos últimos oito anos, que agora regresan —como a súa autora— á casa. Poderá visitarse ata o 29 de agosto.
Villares gabou o traballo do club Val de Francos, “que en tempo récord logrou situar esta cita entre as máis atractivas da provincia para os afeccionados á hípica”. Neste sentido, destacou a proxección que está a gañar este deporte e o impulso que recibe da Xunta, principalmente a través dun convenio coa Federación Hípica Galega polo que destina máis de 80.000 euros para as actividades a desenvolver este ano. A proba discorrerá por camiños forestais de terra, a excepción dos cruces de estradas, e constará de tres modalidades, con distancias de 80, 60 e 40 quilómetros respectivamente.
A clasificación final quedou do seguinte xeito: en Sub-10, Los 5 FC proclamáronse campións, seguidos de Los Balones; en Sub-12, o primeiro posto foi para Aston Birra, seguido de Minavo de Kiev e The Blues Bananas; en Sub-15, o equipo Piti levou o título, seguido de PDC e Camoca; en Sub-17, PDC acadou o primeiro posto, por diante de Papa Cu Leti e Motototo; e na categoría Sénior, Motototo resultou gañador, seguido de Descansa e Texeira Lima. As medallas foron entregadas pola alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros José Manuel Balseiro e Alfredo Fernández, que felicitaron a todos os participantes polo seu esforzo e deportividade.
As reservas poderán realizarse por teléfono, chamando ao 982 560 162, ou a través do correo electrónico cultura@viveiro.gal, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro entradas. Desde o Concello de Viveiro anímase á veciñanza a asistir a esta representación e lembra que as reservas se atenderán a partir da apertura do prazo.
A clasificación final situou a Braulio Gayoso (TM Luarca) como gañador, seguido de Eugenio Alonso (CD San Ciprián), e dun terceiro posto compartido por Carlos Ron (Atletic Génova TM) e Domingo Larriety (TM Luarca). A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entregou os trofeos e destacou o éxito dun torneo que xa se consolidou como unha cita imprescindible do calendario deportivo estival. O Concello felicita aos gañadores, a todos os participantes polo alto nivel amosado durante a xornada e ao CD San Ciprián pola excelente organización dun evento que continúa reforzando o seu papel como referente do tenis de mesa no norte peninsular.
Durante o evento realizouse unha ofrenda aos mariñeiros falecidos e, seguidamente, tivo lugar a subida da imaxe da Virxe do Carme ata a Igrexa. Esta última xornada continuou cunha misa solemne, á que asistiron numerosos veciños e visitantes que se achegaron ata a localidade mariñá, seguida da procesión acompañada pola Banda Naval e de actuacións musicais. A programación completarase a partir das 17:00 horas con diferentes actividades para os máis cativos e cativas.
Estará dedicada á figura de Leopoldo Calvo-Sotelo, xa que neste 2026 cúmprese o centenario do nacemento de quen fora presidente do Goberno. No acto interviñeron o presidente do RCNR, Pablo Fernández, o director territorial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, un dos fillos do tamén alcalde honorario de Ribadeo Víctor Calvo-Sotelo, e o rexedor ribadense, Dani Vega. Todos exaltaron a práctica deportiva na ría, a labor desenvolvida polo Real Club Náutico e a vinculación de Leopoldo Calvo-Sotelo co estuario. Entre o público asistente estaban máis membros da familia Calvo-Sotelo, directivos e ex directivos do RCNR, edís de Ribadeo e representantes de Acisa.



