Burela, 15 de Abril de 2016.- O BNG burelao recolleu a voz de veciños e autónomos da vila e, tras repasar as ordenanzas fiscais nas que aparecen as diferentes taxas de recollida do lixo dos diferentes concellos da mariña, nos concellos asimilables a Burela, comprobou como os veciños pagan moito mais polo mesmo concepto.
“Non nos parece razoable que un comercio calquera da vila pague 65 euros bimensuais mentres en Xove pagaría 28 euros, ou que o dono dun bar deixe 125 euros cada dous meses mentres en Ribadeo o prezo que afrontaría sería de 56 euros, por poñer un par de exemplos” dixo Mario Pillado, quen xa chamou a atención desta inxustiza no debate sobre os Orzamentos municipais no último pleno celebrado na casa do Concello.
Para os nacionalistas, estas diferenzas non son de fai uns meses nin un ano, isto vense arrastrando probablemente desde fai décadas e ninguén lle puxo remedio nin tentou inverter a tendencia.
“En xeral, salvo no goberno bipartito, a política fiscal no noso concello foi a suba continuada de impostos e taxas, incluso a creación de novos conceptos polos que deben pagar os veciños; unha política do PP que trae estas consecuencias” recalcou o voceiro nacionalista.
A solución está na mancomunidade e na remunicipalización dos servizos
Por unha banda, como xa se denunciou que en Burela e Cervo se pagaba a auga mais cara da Galiza, por mor da segregación e da xestión do Partido Popular, o BNG cre que estes servizos básicos deben ser públicos para abaratalos e que non saque beneficio única e exclusivamente o sector privado; amén de que se estivese ese servizo mancomunado entre os dous concellos probablemente a xestión sería mais eficiente e vantaxosa aínda para os veciños.
Por outra banda, a mancomunidade de concellos da Mariña, que preside o alcalde Alfredo Llano, recolle nos seus estatutos competencias en materia de tratamento de residuos. Para os nacionalistas é unha ferramenta válida para desvincularse do obsoleto sistema de SOGAMA e a creación dun sistema comarcal de xestión de residuos, mais beneficioso para os veciños e mais eficiente para a realidade territorial da Mariña e da Galiza.
“Cun sistema público, mancomunado e comarcal de xestión de residuos, xeraríase emprego na comarca, empregaríanse as mellores técnicas en termos ambientais e aforraríanse custes para os veciños” destacou Mario Pillado acerca destas solucións.