ervo, 1 de abril de 2016. O BNG – AA en Cervo cualificou de “absoluto despropósito” a actitude do Partido Popular no goberno municipal de Cervo no pleno municipal celebrado na tarde de onte. É un despropósito non ter en conta as advertencias do servizo de secretaría municipal sobre as limitacións para contratar impulsadas polo propio Partido Popular a nivel do Estado, e saltalas segundo conveña por motivos puramente electoralistas. É un despropósito insultar ás mais de 1.600 persoas que reclamaron coa súa sinatura habilitar de maneira regulada unha das praias do concello para uso canino e a creación dun parque canino. É un despropósito negar o apoio ás demandas do sector leiteiro galego no mesmo día que se manifestaban diante da Consellaría do Medio Rural e limitarse a facer unha campaña de promoción que sen ser negativa, non resolve os graves problemas do sector.
O PP prepara o ano electoral usando unha vez máis os recursos municipais para contratacións caciquís e electoralistas
Para o portavoz municipal nacionalista, Luís Bernardo Insua, “o PP fai e desfai a golpe de calendario electoral”, “non é lóxico que tres meses despois de aprobar os orzamentos 2016 incluíndo o cadro de persoal para o exercizo, agora pretendan amplialo con mais contratacións a pesar das advertencias sobre as limitación existentes expostas nun informe da secretaría municipal”. Bernardo Insua afirmou que o goberno municipal unha vez mais uso o concello de maneira caciquil preparando contratacións clientelares simplemente porque estamos en ano electoral, non para mellorar os servizos.
PP e PSOE néganse a apoiar a iniciativa veciñal para crear un parque canino e habilitar unha praia con acceso a cans
Os nacionalistas tamén criticaron con contundencia a negativa, tanto do PSOE como do PP a apoiar a iniciativa popular presentada no concello avalada por mais de 1.600 sinaturas para habilitar de maneira regulada unha das praias do concello para uso canino e un parque canino. Bernardo Insua cualificou de insultante a actitude e do PP e decepcionante a do PSOE por non querer asumir unha demanda social que vai en aumento, con escaso custo económico para o concello e que melloraría os servizos para persoas residentes e visitantes.
No mesmo día no que o sector leiteiro se manifestaba en Compostela, o PP nega o apoio ás súas demandas
Por ultimo, desde o BNG – ASEMBLEAS ABERTAS cuestionaron a iniciativa da alcaldía para apoiar a campaña da Xunta de Galiza para promoción do leite galego aínda que a votaron a favor, mais resaltaron que non vai resolver os problemas do sector leiteiro. Pola contra, o Partido Popular, negouse a apoiar unha emenda nacionalista defendendo a necesidade de establecer un prezo digno por riba dos custes de produción e a garantía de recollida do leite en orixe, amais de poñer en marcha iniciativas serias de cara a buscar a unión do sector para traballar na construción dun proxecto de base cooperativa e de produtores para transformación do leite e derivados que xere riqueza e valor engadido repercutindo no propio sector.