Burela, 21 de abril de 2016.- O CD Burela FS Pescados Rubén despedirá este venres os seus desprazamentos ligueiros no fastuoso Palau Blaugrana, coa posibilidade aínda de converter en realidade o soño del play off ata a última xornada. A cita entre o maxestuoso FC Barcelona Alusport e os heroes laranxas comezará ás 21.00 horas, con emisión en directo de Esport 3.
A grandiosidade do Movistar pesou demasiado a semana pasada nos mariñáns, pero o conxunto laranxa xa está noutras lides e xa demostrou que é capaz de todo; clasificouse no último minuto para a Copa de España e deu a cara en Guadalaxara. “O noso obxectivo non era estar entre os oito primeiros e estamos aí pelexando; competindo sempre demos a cara ante calquera e se respondemos así esta semana tamén podemos conseguir rabuñar algo” adiantaba o técnico, Daniel Ibañes, facendo un chamamento aos seus en concentración, valentía e actitude.
Fronte á segunda praza dos cataláns, os galegos chegan con 37 na novena praza, empatados co Peñíscola, que esta semana, na penúltima xornada, terá un compromiso máis accesible, recibindo a Jaén Paraíso Interior, duodécimo clasificado.
Á expedición laranxa volve Bruno, aínda que sen garantías de participación por unha rotura de fibras que o mantivo afastado as últimas semanas, e o xuvenil Renato.
Na primeira volta os blaugranas impuxéronse 0-5.
Convocatoria Burela FS Pescados Rubén: 1. Edu, 5. Iago Míguez, 7. Isi, 9. Iago Rodríguez, 11. Chano, 12. Bruno, 13. Álex, 17. Carlitos, 18. Jorge, 20. Chino, 23. Antoñito, 27. Renato