San Cibrao, 4 de abril de 2016.- Os deputados de En Marea, Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello, mantiveron unha xuntanza na tarde deste luns con representantes de Alcoa San Cibrao na que deron conta da Proposición Non de Lei aprobada na Comisión de Industria do Congreso dos Deputados na que se pedía unha modificación do sistema de poxas de enerxía eléctrica e investimentos que garantisen o futuro das plantas de San Cibrao, A Coruña e Avilés (Asturias).
Yolanda Díaz, encargada de defender a iniciativa, reivindicou o necesario cambio no sistema de poxas “por ser inoperante para o que precisan estas industrias, pois o 43% do seu custe total son de electricidade e o que necesitan é un sistema predecible que poidan ter a bastantes anos vista e cuns prezos razoables. É ademais un sistema opaco, altamente especulativo e que está pagando Juan Pueblo”. A vicevoceira da comisión de Industria tamén informou aos traballadores que En Marea pediu “un plan de investimentos vencellados á propia empresa para acomodarse a novas areas de produción coma a aeronáutica e novos mercados. E diante da agresión dos produtos que chegan dos aluminios chinos esiximoslle a ese país que cumpra os mesmos estándares ca o resto dos Estados”. Díaz tamén anunciou que dende En Marea presentarán unha batería de preguntas ao Goberno en funcións para coñecer as previsións de poxa para este ano.
Para Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea por Lugo, “o tema é preocupante e estamos dando un paso máis para convertir a política enerxética en cuestión de Estado”. Fernán Vello tamén se comprometeu cos representantes sindicais en trasladar ao Congreso aquelas cuestións relativas á comarca da Mariña que corrixan o forte proceso de desindustrialización e aillamento que está sufrindo nos últimos anos.
Os representantes dos traballadores agradeceron aos dous deputados a súa presenza en San Cibrao e acordaron seguir mantendo os contactos con En Marea para que as súas reivindicacións sexan trasladadas ás Cortes en futuras iniciativas parlamentarias.