A Mariña, 19 de maio de 2016.- A CIG-Ensino esíxelle á Consellaría de Educación que restitúa o persoal administrativo do IES Monte Castelo e apoia ás accións reivindicativas que está a levar a comunidade educativa do centro.
Para a CIG-Ensino é unha auténtica irresponsabilidade por parte da Consellaría que se lle recorte unha persoa na administración a este centro cando ten un nivel de oferta educativa moi grande e onde o traballo administrativo é fundamental para o seu bo funcionamento. Ademais isto é unha mostra máis da política de recortes de servizos públicos fundamentais como a educación por parte do goberno de Feixóo.
Desde a CIG-Ensino sempre reivindicamos dotar de suficiente persoal administrativo aos centros educativos pois este traballo está a recaer no propio profesorado que co seu esforzo e dedicación fai todo o posible para conseguir un normal funcionamento dos centros da comarca da Mariña. A calidade do ensino evidentemente veríase incrementada coa dotación de persoal administrativo que fixeran estas labores e a conseguinte liberación de traballo para os docentes.