O pasado venres, 13 de maio, celebrábase en Castropol unha xuntanza sectorial do Foro de participación Social da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón, coa participación entre outros colectivos, dunha representación da Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo.
“O obxectivo desta xuntanza era o debate do Plan de Acción, se ben se trataron moitos temas colaterais que non son doados de resumir agora. A Plataforma plantexou a necesidade de iniciar a curto prazo un estudo polo miudo dos verquidos incidentes en toda a conca do Eo que, obviamente, veñen afectar dun xeito ou outro á Ría de Ribadeo”.
No momento actual estase redactando o documento saído das xuntanzas sectoriais que, en principio será publicado nos boletíns oficiais galego e asturiano o 25 de maio para ser sometido a un periodo de exposición pública e posteriormente pasar á aprobación definitiva.
O voceiro da Plataforma, Evaristo Lombardero, indica que “o que pretendemos suliñar no momento actual e que tódalas asociacións interesadas polos temas ambientais – entendidos en senso moi amplo- poden participar nesta fase do proceso e presentar alegacións ou propostas que deben ser atendidas e respostadas pola equipa redactora do plan”.
“Pola nosa banda ofrecémonos a facilitar información, contactos e mesmo participar en grupos de traballo relacionados os temas devanditos. Para ponerse en contacto connosco temos o móvil 669 752 495, email elombardero@hotmail.com“.