Lugo, a 19 de maio de 2016.- ADEGA-Lugo realizará o vindeiro domingo, 22 de maio, un novo roteiro dentro do ciclo de andainas “Memoria Pétrea”, que este ano está dedicado a divulgar e coñecer o patrimonio material máis antigo. Desta volta, iremos coñecer o Castro de Espasante de Ortigueira, de camiño ao cal atoparemos outras marabillas da Natureza e mesmo pasaremos polo “mellor banco do mundo”, outro fenómenos, mais non natural.
Percorrido
O percorrido total será de 13 quilómetros e de dificultade baixa-media e discorrerá pola chamada Ruta das Algas da costa de Ortigueira e Mañón.
Sairemos da praia de Esteiro, onde veremos, como o propio nome indica, o esteiro que forma o río Loiba na súa desembocadura. Seguiremos polo camiño do litoral bordeando costa na zona dos cantís de Loiba, onde se sitúa o tan coñecido “mellor banco do mundo”, cunhas fermosas vistas á ría de Ortigueira, Cabo Ortegal e Estaca de Bares. Nesta zona, atoparémonos co Castro de Loiba e cos restos do muíño de vento de O Picón.
Seguiremos bordeando a costa polos abruptos cantís e praias de Loiba e Céltigos, onde aínda hoxe en día se segue levando a cabo o tradicional aproveitamento de algas.
Finalizaremos a ruta no pobo mariñeiro de Espasante, onde poderemos ver o particular xacemento de Punta dos Prados, no que destaca a planta semicircular e a presencia de baños de vapor a modo de sauna, algo excepcional nos castros galegos.
Dependendo do tempo, poderemos continuar a andaina pola costa ata Ladrido, bordeando a ladeira do Castro da Croa e desde onde teremos unhas vistas espectaculares da Illa de San Vicente. Recolleranos o bus no pobo de Espasante, rematando a ruta.
Guiaranos nesta ruta a Asociación local O Sendeiro, á que lle agredecemos enormemente o seu ofrecemento.
Reserva praza
A reserva de praza debe realizarse, chamando ao local de ADEGA-Lugo (982240299) ou ao móbil (679 113 718) ou enviando un mail a adegalugo@adega.gal co teu nome completo e número de contacto.
A partir do mediodía do venres 20 de maio só poderás contactar con ADEGA a través do teléfono móbil, polo que recomendamos que reserves a praza antes.
Cubriranse as prazas ata que se esgoten.
A SAÍDA do autobús terá lugar o domingo, 22 de maio, diante da Facultade de Profesorado de Lugo (antigo Maxisterio) ás 9 HORAS.
Se por algunha razón, as persoas que xa teñan reservado praza non poden asistir ao roteiro, prégase que avisen por teléfono coa máxima antelación posible para dar cabida a que outra xente participe.