Foz, 23 de maio de 2016.- Este fin de semana, o Club Kaiak de Foz competiu en dúas importantes regatas. O sábado pola tarde participou cos cadetes no LX Descenso Internacional do Miño-Lugo e o domingo pola mañá foi a quenda dos Alevíns -A e dos infantís na 3ª Regata da liga Galega de Infantís A e B.
LX Descenso Internacional do Miño-Lugo
O sábado pola tarde, desde as 17:00 horas disputouse en augas lucenses a LX edición do Descenso Internacional do Miño, a segunda regata máis antiga de entre todas as que levan a cabo en España, tan só superada polo Sela.
Tras unha hora en Ombreiro -punto de saída dos cadetes e todas as mulleres- esperando a que descendesen os xuvenís, seniors e veteranos en K-1 e K-2, ás 18:00 en punto deuse a saída aos cadetes homes e a todas as mulleres. O percorrido para cubrir, de 8 quilómetros, balizado con varios caneiros dotaron a este descenso dun certo grao de dificultade, sobre todo para os cadetes, os padeeiros máis novos da regata.
A mala sorte cebouse con Xoel García, o cal tivo que abandonar por avaría no temón da súa embarcación. Os outros dous padeeiros do Kaiak cumpriron co seu papel e finalizaron ao descenso, ambos entre os quince primeiros da súa categoría. O vencedor en categoría cadete foi o padeeiro do Club Confraría Pescadores Portonovo, David Ribeiro, cun tempo de 1:37:10. Segundo foi Anxo Liaño do Club Piragüismo Olívico a 49 segundos e terceiro Ramón Fernández do Club Fluvial de Lugo a 51 segundos. Pola súa banda, Noel García do Kaiak de Foz rematou en sexta posición a 2:14 do vencedor e Juan Rivas no posto duodécimo a 4:22.
III Regata da liga Galega de Infantís A e B
O domingo, nas instalacións da escola lucense de Piragüismo, disputouse a terceira regata da liga Galega de Infantís A e B, organizada polo Club Fluvial de Lugo e a Federación Galega de Piragüismo. Os padeeiros do Kaiak cumpriron co seu papel nunha regata onde se deron cita a flor e nata da categoría a nivel galego.
Entre os alevíns do Kaiak de Foz destacou María Fernández que ocupou o quinto posto da xeral. Pola súa banda, Daniel Rego finalizou no posto 28, Alberto Vázquez Veiga no posto 43 e o seu irmán Luís Vázquez no posto 48.
Sergio Rubio, infantil B finalizou no posto 12, a 2:03 do vencedor, o infantil do Tambre Luís Guilbert.
En canto ás mulleres infantil-A, a representante do Kaiak, Lida Méndez Trigo, finalizou no posto 25 a 2:57 da gañadora, Fátima Moreira da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra.
Pola súa banda, Fran Rubio foi o mellor infantil-A de o club, finalizando na quinta posición da xeral, a 30 segundos do vencedor, o padeeiro do Portonovo Marcos Muñiz o cal paro o crono en 13:16. Pablo López finalizou no posto 16 a 2:22 do vencedor e Brais Martín Fraga finalizou no posto 36 a 3:38 do vencedor.