Burela, 27 de maio de 2016. Burela contará con 8 socorristas este verán, segundo acaba de confirmar o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, que lamenta que a subvención concedida pola Xunta non asuma o custe dos 10 profesionais que solicitaba o Concello.
O edil socialista contou que “a Xunta ven de concedernos unha subvención duns 27.000 euros para a contratación dos 8 socorristas cos que contaremos este verán nas praias burelesas. Eses profesionais prestarán o servizo durante dous meses”.
Fernández Rey lembrou que “desde Burela solicitamos 10 socorristas, porque consideramos que é o número necesario para prestar o mellor servizo aos usuarios dos nosos areais. Temos tres praias con bandeira azul e temos que ofrecer a mellor cobertura posible”.
O concelleiro de Turismo lamenta “non poder contar con 10, tal e como tiñamos demandado, porque o servizo de socorrismo queda moi limitado en Burela” e subliña que “desde o Concello tampouco podemos facer máis contratacións, debido ao plan de axuste que outros nos deixaron. A pesares de todo isto traballaremos para que o servizo que se preste nas praias de Burela sexa o máis completo posible e que todas as necesidades estean cubertas”.
O Concello traballa na elaboración das bases do concurso para a contratación dos socorristas. Ramiro Fernández Rey indica que “todas aquelas persoas que estean interesadas e que conten coa titulación correspondente o que teñen que facer é inscribirse nas oficinas de emprego o antes posible. Será ás propias oficinas ás que lles solicitemos estes profesionais”.