Burela, 18 de maio de 2016.- A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela celebrou por todo o alto na noite do pasado luns 16 de maio o quinto aniversario da creación da nova Acia Burela. Á cea conmemorativa, que tivo lugar no Hotel Nordés, acudiron máis de 80 empresarios e comerciantes locais; encabezados pola actual directiva de Acia, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano, e tamén polos membros da anterior xunta.
O menú estivo formado por variados aperitivos, pulpiño á prancha, merluza rechea de marisco e lacón asado. A sobremesa estivo amenizada por DJ Chente e tamén se emitiron diferentes vídeos que resumían o traballo de Acia Burela entre decembro de 2011 e maio de 2016: máis de 60 accións promocionais, destacando especialmente a Festa Castrexa, que este ano vive a súa 5ª edición e que se presentará nos próximos días.
Durante a velada tamén se entregaron os premios do recente Concurso “Burela Mar de Tapas”, que recibiron o Hotel Nordés, Mis en Plas e O Sitio polas súas creacións gastronómicas, que este ano foron valoradas por un xurado profesional.