Burela, 25 de maio de 2016.- Na sesión plenaria ordinaria, que se celebrará este xoves no Concello burelés, abordarase a elección do xuíz de paz, o proxecto das obras de mellora a realizar no parque Rosalía de Castro e a partida que o Concello terá que destinar para este fin. Parte dos traballos serán financiados pola Xunta e parte polas arcas municipais.
Sobre a elección de xuíz de paz o alcalde, Alfredo Llano, explicou que “hai tres persoas que aspiran a este posto polo tanto decidiremos no pleno cal delas vai ser a que vai ocupar, nos próximos catro anos como mínimo, o posto de xuíz de paz aquí no xulgado”.
O rexedor relatou que ao pleno deste xoves “tamén vai a aprobación do proxecto de obras de reposición do pavimento e substitución de xogos no parque Rosalía de Castro. Queremos facer unha boa modificación neste parque non soamente no aspecto de xogos, que tamén vai haber posto que imos habilitar unha nova zona de xogos con novos postos, senón que tamén queremos aumentar un pouco a parte de flores e herba porque consideramos que este parque, que é moi frecuentado polas familias de Burela cos nenos, precisa de máis espazo para lecer, de xeito que non se estorben uns a outros. Polo tanto vai haber dúas zonas moi diferenciadas ao mesmo tempo que queremos embelecer este parque Rosalía de Castro”.
Alfredo Llano engadiu que “ligado con isto hai que facer unha modificación de cretos do presuposto en vigor, na modalidade de cretos extraordinarios financiando mediante anulación ou bases de cretos doutras partidas do orzamento vixente non comprometidas. Isto significa que hai que aportar cartos para poder facer este proxecto”. O investimento total a realizar no parque Rosalía de Castro ascende a 60.000 euros, dos que 40.000 serán aportados pola Xunta de Galicia a través dunha subvención, e os 20.000 restantes polo Concello de Burela, tal e como deu a coñecer hai uns días o concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández Rey.
Finalmente Llano di que “contamos que todo saia ben, estes puntos non teñen porqué ter ningunha pega para ser aprobados pensando en mellorar cousas moi empregadas como é o caso do parque Rosalía de Castro aquí no noso concello”.