Burela, 16 de maio de 2016. O equipo de goberno de Burela ven de amosar o seu total apoio ás mobilizacións que se están a convocar dende a comunidade educativa do IES Monte Castelo despois de que a Xunta de Galicia lles comunicara que se vai a producir un novo recorte no cadro de persoal do centro ao eliminar unha praza de administrativo no mesmo.
Desde o equipo de goberno burelés sinalan que “despois de manter unha conversa coa dirección do centro constátase que se vai producir unha merma na calidade do seu servizo educativo, incluso que se van ver obrigados a deixar de realizar tarefas que se viñan prestando no centro como é o caso da matrícula para a Escola Oficial de Idiomas que se imparte no centro, que de non arranxarse a situación, obrigará a que os veciños e veciñas de Burela teñan que desprazarse a Viveiro para a formalización das matrículas, cando estes trámites se estaban a realizar en Burela ata este momento. Este novo recorte ademais provocará a perda de axilidade nos trámites administrativos do centro, como poden ser as propias matrículas do IES Monte Castelo”.
E subliñan que “se debe ter en conta que o IES Monte Castelo ten demostrado ser un centro de referencia na ensinanza secundaria en toda Galicia e incluso a nivel estatal, no que se poden cursar ciclos formativos, educación para adultos, no que se fan proxectos europeos ou cursos da Escola Oficial de Idiomas, e que precisa dunha dotación de persoal acorde a este modelo educativo, tendo en conta que o alumnado do centro supera os 540 alumnos”.
Dende o equipo de goberno “entendemos que non é de recibo que unha vez máis os servizos públicos básicos como a educación neste caso, ou a sanidade noutros, se vexan atacados de maneira reiterada polos gobernos do Partido Popular buscando única e exclusivamente o deterioro dos servizos públicos básicos en prol dos intereses privados e de amiguismo aos que xa nos teñen tan acostumados. Dende o equipo de goberno de Burela estaremos apoiando á comunidade educativa do IES Monte Castelo e aos nosos veciños e veciñas na movilización que está convocada para o vindeiro mércores, 18 de maio, na praza do Concello xa que entendemos unha cousa básica a defensa da educación no noso pobo”.