O Observatorio da Mariña pola Igualdade ven facer pública unha denuncia polos retrasos de ata once meses nos resultados de citoloxías de colo de útero no Hospital da Costa, en Burela.
Desde hai un tempo o Observatorio ven recollendo denuncias de pacientes da Mariña en relación a este retraso nos resultados das citoloxías. Nos documentos que se aportan detállase o caso dunha socia do colectivo que está a ser víctima dun destes atrasos, que ascende xa aos once meses. Este exemplo que aportamos reviste especial gravidade dado que o resultado é patolóxico e por isto mesmo son precisas máis probas complementarias, que se ven demoradas pola tardanza de todo o proceso.
Desde o Observatorio lembramos que este non é un feito illado. Xa no 2011, a Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade Pública esixía medidas para acelerar o resultado das citoloxías cuxa media se situaba entre os nove e once meses. Cinco anos máis tarde, a situación segue a ser a mesma e o Hospital da Costa conta con escasísimos recursos de persoal no servizo de Anatomía Patolóxica.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade denuncia estes feitos e esixe medidas para atallar a situación que está afectando especialmente á saúde de moitas mulleres, ás que anima a denunciar e facer pública esta neglixencia institucional. Do mesmo xeito, a entidade reclama que se dote a atención primaria dos recursos suficientes para que o plan de atención integral á saúde da muller se poida desenvolver para dar cumprimento a un dos obxectivos para o que foi formulado: a detección precoz do cancro de colo de útero.