A Asociación de Deportes Salto do Coro inicia o seu traballo de programación do próximo ano. Así, nunha reunión celebrada cos voluntarios de dúatlon e atletismo e con representantes tanto da federación de Tríatlon e do club Tripenta Terras de Lugo marcáronse as bases para seguir para potenciar este deporte na nosa localidade.
Por unha banda, chegarase a un acordo co club Terras de Lugo de formación dos alumnos da Asociación de Mondoñedo. Así, tanto se farán actividades en Mondoñedo onde colaborará o club de Lugo; axudarase aos voluntarios na súa formación; os alumnos poderán participar a nivel escolar co Salto do Coro, pero a nivel federado co club de Lugo.
Por outra banda, de cara a potenciar o deporte na nosa localidade, organizaranse máis actividades con alumnos doutras escolas durante todo o curso deportivo. Para iso abriremos o noso deporte a outras localidades próximas, colaborando con eles á hora de facer adestramentos. Tamén se aumentan os adestramentos durante a semana sabendo que o peso na formación levarano os voluntarios que son membros dos clubs ciclistas locais.
Aumentaranse as idades dos alumnos que participan nas escolas collendo a nenos máis pequenos e federándoos. O obxectivo é enganchalos a este deporte xa desde pequenos enfocando adestramentos e competición como algo lúdico.
Mondoñedo acollerá un ano máis unha das probas clasificatorias para o provincial escolar, tendo este ano a maiores a posibilidade de competir os máis pequenos nesta proba como novidade.
Outro dos puntos tratados na reunión foi a de tentar conseguir xa moi preto no tempo a visita dun deportista ou adestrador de primeiro nivel que puidese apadriñar a festa de fin de tempada a Asociación Salto do Coro está a organizar para o día 9 de xullo na nosa localidade.
A Asociación Salto do Coro ten o compromiso de potenciar un ano máis este deporte.