Lugo, 14 de xuño de 2016.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou na mañá deste martes que a Formación Profesional Dual de hoxe é o mercado laboral de mañá e destacou o esforzo da Xunta por ampliar o seu currículo e conectala co tecido empresarial. “Facémolo porque sabemos que cambiar o modelo produtivo da nosa economía cara a un sistema baseado na innovación e no coñecemento require poñer o foco nos actuais programas educativos pero tamén porque a renovación que está a experimentar o noso tecido industrial precisa de capital humano cualificado”, aseverou.
Durante unha visita ao CIFP Politécnico de Lugo, Feijóo lembrou que foi atendendo a estas dúas premisas como naceu o que hoxe coñecemos como FP Dual, que vén ser unha modalidade máis flexible da Formación Profesional que alterna a formación teórica coa formación práctica nunha empresa.
Nesta liña, aseverou que o CIFP Politécnico de Lugo é un claro exemplo de como se están a deseñar desde Galicia os novos ciclos de FP Dual. Non en van, trátase dun centro que conta cunha potente oferta en formación no eido sanitario e de servizos á comunidade e que ofrece os seguintes ciclos: CB Electricidade e Electrónica, CM Atención a persoas en situación de dependencia, CM Carpintaría e moble, CM Coidados auxiliares de enfermaría, CM Emerxencias sanitarias, CM Farmacia e Parafarmacia, CM Instalacións de telecomunicacións, CM Instalacións eléctricas e automáticas, CM Mecanizado, CS Educación infantil, CS Laboratorio clínico e biomédico, CS Mantemento electrónico, CS Programación da produción en fabricación mecánica, CS Próteses dentais, CS Proxectos de edificación, CS Sistemas de telecomunicacións e informáticos e CS Sistemas electrotécnicos e automatizados
Así mesmo, Feijóo destacou o esforzo investidor que a Xunta leva feito para potenciar esta modalidade de estudos, como proban os máis de 6 millóns de euros investidos en 2015 para dotar de equipamento específico, como mobiliario e material informático, os centros galegos de FP. “Este ano será de 1.250.000 euros o investimento máis para este fin”, precisou.
Seguir potenciando o apoio das empresas e nova oferta de estudos
Feijóo avogou tamén por seguir potenciando o apoio das empresas e, con este fin lembrou que, no curso 2015/2016 xa funcionan acordos de FP Dual en colaboración con 70 empresas nos que participan 350 estudantes.
No relativo á oferta de estudos, afirmou que o vindeiro curso reforzaranse as prazas de FP Dual nun 45%, polo que se ofertarán 16 ciclos dos que 8 son completamente novos: CS en Dirección de cociña, CS en Sistemas electrotécnicos, CS en Elaboración de produtos alimentarios, CS en Administración e Finanzas, CS en Axencias de Viaxes e xestión de eventos, CS en Dirección de servizos e restauración, CS en Fabricación de produtos farmacéuticos, biotecnolóxicos e afíns.
“Cambiarán os criterios de admisión, de tal xeito que os titulados en FP de grao medio terán acceso directo aos ciclos de grao superior a través dun cupo específico, que dará prioridade aos que soliciten cursar ensinanzas da mesma familia profesional”, explicou. Tamén se creará un cupo específico para o alumnado procedente da FP Básica, que terá acceso directo aos ciclos de grao medio.
Co obxectivo de que a FP Dual sexa sinónimo de emprego e de inserción laboral, o titular da Xunta destacou ademais que a Axenda da Competitividade Galicia Industria 4.0 concede un papel destacado aos centros de FP na Comunidade como transmisores de coñecemento tecnolóxico e man de obra cualificada ás empresas. A Rede Galega de Viveiros de Empresas ten tamén un importante soporte nos CFIP galegos, onde se desenvolven actualmente 19 viveiros para promover a cultura emprendedora entre o alumnado.
Sobre este punto, mencionou que no CIFP Politécnico de Lugo se atopa un viveiro de empresas que neste momento conta con tres empresas participantes. “Ao longo deste 2016 tamén se ampliarán e se modernizarán os talleres de prótese dental”, dixo,
22 CIFP en Galicia
Galicia conta actualmente con 22 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP), coma este Politécnico de Lugo que en 2011 pasou de ser un IES a converterse en CIFP. O mesmo ocorreu nesta cidade co antigo IES As Mercedes, en cuxo proxecto se investirán 5 millóns de euros en catro fases, dúas das cales xa están rematadas.
Feijóo salientou que Lugo é o concello galego que máis investimentos recibe en materia de infraestruturas educativas, con máis de 11 millóns de euros desde 2009. “Neste momento podemos dicir que a previsión de investimento que manexamos para 2016 é de 4 millóns de euros para diversos proxectos neste mesmo eido”, dixo.
O titular da Xunta concluíu incidindo en que falar hoxe de FP Dual é falar de máis oportunidades de emprego. Neste sentido, lembrou que o 80% das mozas e mozos en paro non teñen acabados os seus estudos primarios. “Hai, polo tanto, unha relación directa entre paro e déficit de formación”, rematou.