Mondoñedo, 23 de xuño de 2016.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o concello non é capaz de manter con medios propios nin con medios alleos unhas condicións mínimas de limpeza das rúas e dos espazos públicos da cidade.
Os nacionalistas denuncian que o concello recorra a unha empresa privada para realizar un servizo que antes prestaba o concello con medios propios, e cualifican de “chambonada” os últimos traballos de limpeza encargados, “chorrearon auga contra as casas, meteron auga nos portais e nos baixos e por riba a suciedade como papeis pequenos e as cabichas dos cigarros seguen no mesmo sitio”.
Eloi Cabanas, portavoz do BNG, asegura que a súa formación recibe constantemente queixas dos veciños e veciñas que residen na cidade e insta tanto á alcaldesa como ao edil de obras a que controlen e revisen os traballos realizados.
O portavoz nacionalista acompañado polas concelleiras Elena Freire e Mari Carmen Maseda, logo de facer unha revisión polas rúas da cidade, lamentan a diminución da calidade dos traballos de limpeza do casco.
O BNG local tamén se pregunta para cando estarán rematados os traballos de desbroce dos espazos públicos e poñen exemplos do mal que está a cidade como o Parque dos Paxariños que en dous meses non foron capaces de retirar os valados instalados para a feira das Quendas, o cemiterio vello cuberto de herba por todas partes ou o aparcadoiro da Alcándara, unha obra recentemente inaugurada que presenta un estado de abandono total. Tamén critican que a comezos do período estival, cando Mondoñedo recibe o maior número de visitantes outros atractivos turísticos como a Ruta da Auga o Salto do Coro ou o Castro de Zoñán estean aínda sen adecentar para o uso público.