Santiago, 29 de xuño de 2016.- O Grupo Popular apoiou esta tarde no Parlamento un acordo unánime que reafirma a súa aposta polo futuro do aluminio en Galicia e se sitúa a carón dos traballadores de Alcoa. O deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro felicitouse pola rectificación da oposición “que esta vez si, tras bloquear no pasado unha declaración institucional sobre este mesmo asunto, acorda instar á Xunta a realizar todas as accións encamiñadas a garantir os centros produtivos e postos de traballo desta empresa en Galicia”.
Balseiro lembrou que “acordos similares ao de hoxe xa foron promovidos en distintas institucións, moitos deles polo Grupo Popular, tanto nos concellos das comarcas da Mariña e de A Coruña, como na Deputación de Lugo ou na Xunta Xeral do Principado de Asturias”.
“Precisamente este último serviu de base para a proposta que o Partido Popular defendeu no pasado pleno da Cámara galega e que non prosperou ante a negativa da oposición, que vetou en Galicia o mesmo texto a favor dos traballadores de Alcoa que aceptaban en Asturias ou en Lugo”, lembrou
A importancia da unidade
José Manuel Balseiro salientou a importancia de propiciar este acordo conxunto de todas as forzas políticas xa que, na súa opinión, outorga unha vía de confianza aos traballadores, e unha posición de unidade e fortaleza ante a empresa. “A unidade política é imprescindible e positiva”, apuntou.
O deputado tamén lembrou que se está falando do principal proxecto industrial do aluminio en Galicia, que xera máis de 1.500 empregos directos e 600 auxiliares nos tres centros que existen na Comunidade galega, cunha actividade que representa o verdadeiro motor económico, industrial e laboral da Mariña lucense.
Por este motivo, convidou ás forzas da oposición a “deixar o partidismo a un lado e aprobar por unanimidade este acordo”, pois lembrou que “se está a falar do futuro de miles de persoas, aos que podo poñer un rostro coñecido pois son veciños do concello no que resido e sobre os que pesa a incerteza entorno ao seu futuro laboral”.
Non fallaremos aos traballadores de Alcoa
O deputado popular rematou insistindo en que “o PP e o Goberno galego sempre estarán ao carón dos traballadores de Alcoa porque as súas demandas son razoables e compartidas pola Xunta, polo que farán todo o que estea na súa man para garantir o emprego e o futuro dos traballadores do aluminio galego”.
Nesa mesma liña, insistiu en que a Xunta está vixiante e fai un seguimento diario da estratexia da multinacional para as plantas de A Coruña e San Cibrao, polo que salientou que, a diferenza da oposición, o Goberno Popular avala o seu compromiso con feitos.
“Levamos traballando e apoiando aos traballadores de Alcoa moito tempo. Non os fallaremos, impulsando investimentos como a construción do gasoduto da Mariña, que fixo as plantas máis competitivas, ou a liderando as iniciativas para conformar un modelo enerxético estable para empresas como Alcoa, altamente dependentes do prezo da enerxía”, sinalou.