Lugo, 2 de xuño de 2016.- A prensa comarcal, a incidencia da información e da comunicación no desenvolvemento da contorna, o semanario ¡Guau! ¡Guau! e a imprenta Fojo e a prensa ortegana, centraron este xoves a temática dos relatorios programados na sesión matinal da primeira xornada do curso de verán da USC ‘O impacto da prensa local na configuración do tecido social e político. O caso de La Voz de Ortigueira’, na que interviron como relatores o xornalista e director xeral do Grupo El Progreso, José de Cora, Xosé López García, Luís Celeiro, Juan Soto e o historiador Anxo Rosende.
Estas primeiras intervencións serviron para constatar a importancia histórica da Mariña luguesa e de Ortigueira como enclaves do florecemento da prensa local e comarcal, un patrimonio histórico e cultural que sería interesante conservar, ensinar e darlle promoción, segundo indicou o xefe de Comunicación da USC, Luís Celeiro, quen aproveitou a súa intervención neste foro para lanzar a proposta de creación e posta en marcha dun museo, a xeito de centro de referencia da prensa local, comarcal e das artes gráficas.
Este museo museo didáctico de ámbito galego e carácter público podería estar focalizado en tres puntos, ou con tres sedes, en Ribadeo, Viveiro e Ortigueira. Este novo itinerario cultural e económico a carón do mar permitiría que todos os cidadáns destas comarcas, así como do resto de Galicia e demais visitantes, puideran coñecer como eran as fábricas de cultura na época, como eran os sistemas de impresión, de maquetación, de elaboración de xornais, libros e moitos materiais gráficos de tanto valor aínda na actualidade.
A posta en marcha deste museo, que na opinión de Luís Celeiro, tería unha positiva implicación educativa e axudaría aos mestres de forma transversal na súa tarefa didáctica, debería implicar ás deputacións provinciais de Lugo e da Coruña, ademais da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Cultura e Educación e de Economía, e dos concellos.
Programa dos días 3 e 4 de xuño
O programa de relatorios deste curso continuará este venres na Facultade de Humanidades de Lugo, onde o xornalista e colaborador de La Voz de Galicia Ernesto Sánchez Pombo abrirá a quenda de intervencións cunha exposición sobre o futuro da prensa local no mundo global. As experiencias audiovisuais de proximidade, o último medio século de Heraldo de Viveiro, a prensa local de Ribadeo e a prensa infantil e escolar na comarca do Ortegal capitalizarán a temática das intervencións de Ana Isabel Rodríguez, Juan Carlos Neira Brochs, Javier Rivera e Xosé Antonio Neira Cruz ao longo da sesión matinal.
A comitiva do curso desprazarse pola tarde ata Viveiro, onde logo de visitar a sede de Heraldo de Viveiro, o historiador e cronista local Carlos Nuevo Cal ofrecerá unha charla sobre a importancia da prensa local viveiresa e a súa interacción coa estrutura social e política na bisbarra.
Unha visita a exposición conmemorativa organizada en Ortigueira co gallo do centenario de La Voz de Ortigueira cerrará o venres a programación dun curso que chegará ao seu colofón o sábado 4 de xuño na sede da Fundación Ortegalia de Ortigueira, onde se desenvolverán ao longo de toda a xornada diversos relatorios e táboas redondas sobre a temática da prensa local e comarcal.