Cervo, 7 de xullo de 2016. No areal do Torno, de San Cibrao, ondea desde este xoves a bandeira de praia sen fume dentro da iniciativa que leva a cabo a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O alcalde, Alfonso Villares, acompañado da concelleira de Sanidade, Medio Ambiente e Turismo, Manuela Méndez, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron esta tarde o areal.
O rexedor cervense, Alfonso Villares, comentou que “desde hoxe na praia do Torno, en San Cibrao, ondea outra bandeira, a maiores da azul, que colocamos este fin de semana pasado, e da de Ecoplaya, que tamén foi posta ese mesmo día. É a que indica que a praia de O Torno é unha praia sen fume”.
Alfonso Villares engadiu que “desde o Concello de Cervo quixemos adherirnos a esta campaña da Consellería de Sanidade, a este programa galego de promoción dunha vida sen tabaco a través da rede galega de praias sen fume”.
O alcalde de Cervo subliñou que “este programa non ten nin moito menos un fin recadatorio senón basicamente educativo e de promoción da saúde e do medio ambiente, sendo o seu cumprimento voluntario por parte das persoas que acudan a esta praia”.
Pola súa banda a edil de Sanidade, Medio Ambiente e Turismo, Manuela Méndez, salientou que “temos estes obxectivos que eu creo que están ben e ademais son fundamentais á hora de promover unha vida sen tabaco e de intentar desnormalizar o seu consumo na sociedade, incluso o feito de promover que nestas praias se respecte e coide o medio ambiente sobre todo porque moitas das cabichas da xente que fuma quedan nas praias. Intentando facer destes areais libres de fume eu creo que tamén conseguimos ese aspecto medioambiental que tamén é importante”.
Manuela Méndez resaltou que é “unha iniciativa voluntaria, pero nós queremos que nos concienciemos todos da importancia de ter estes aspectos claros e presentes á hora de intentar facer o posible para ter unha vida máis san e saudable. Eu creo que unha vida sen tabaco vai nese camiño”.