Foz.29-7-16.Este pasado xoves 28, ven de celebrarse o pleno da Corporación Municipal do mes de Xullo do Concello de Foz.
No punto número 2 da Orde do día figuraba a proposta de FPF para instar ó Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para a construción dunha rampla para acceder á praia dos Xuncos de Cangas. Unha praia que nos últimos anos non dispón de rampla de aceso para persoas con mobilidade reducida,sendo moitos os usuarios que nos denunciaron esta deficiencia.Hai que recordar que esta praia ata fai uns anos dispoñía desta rampla ,ata que un temporal a levou e dende aquela non foi reposta.Así mesmo esta deficiencia axudou para que esta praia non dispoña de bandeira azul como viña tendo nos últimos anos.Despois de debater esta moción entre todos os grupos saíu aprobada por unanimidade de toda a Corporación.
No punto número 3 da orde do día figuraba a proposta de FPF para instar ó Ministerio de Fomento a mellorar a seguridade viaria no cruce da N-642 coa zoa da Espiñeira. Nos últimos tempos puxéranse en contacto cos membros de FPF diferentes veciños desta zoa para transmitirnos, como numerosos vehículos non respectaban as normas de seguridade, tanto os que circulan dirección Barreiros coma algúns que saen en dirección Foz cando está totalmente prohibido.Así mesmo tamén se nos manifestou que algúns vehículos invaden o carril por motivo duns eucaliptos que hai na beira da estrada que vai dirección ó barrio da Espiñeira.Despois de debater esta moción aprobouse por unanimidade de toda a Corporación Municipal instar a fomento a que faga as xestións necesarias para mellorar as condicións de seguridade deste cruce incluíndo a corta dos eucaliptos existentes en dito cruce para mellorar a visibilidade.
No punto número 4 da orde do día figuraba a proposta de FPF para instar ó Concello de Foz a facer as xestións necesarias para mellorar a sinalización da parroquia de Nois.Na última reunión mantida cos representantes dos veciños da parroquia de Nois, fixéronnos chegar a queixa de que a sinalización vertical da parroquia de Nois ten numerosas deficiencias, o que fixo que trouxéramos a este pleno esta moción para corrixir todas estas deficiencias. Despois de debater esta moción aprobouse por unanimidade de toda a Corporación Municipal.
Manifestar tamén que como punto de urxencia o equipo de goberno levou o punto:Convenio de colaboración entre Augas de Galicia e Concello de Foz para iniciar o proceso de financiación,proxecto e construción da nova depuradora de residuais (EDAR). Neste punto FPF responsablemente para non retrasar mais o inicio de todos estes trámites e para poder ter canto antes a disposición da corporación e dos veciños o anteproxecto da nova EDAR votamos a favor de dito convenio.
Un pleno máis, todas as mocións de “Foz,Plataforma de Futuro” foron aprobadas, esperemos que o equipo de goberno tome boa nota, así como os distintos organismos instados, e corrixan estas deficiencias que os veciños denunciaron.
Foz, plataforma de futuro