A Mariña, 3 de agosto de 2016. Na comisión de turismo da Mancomunidade de Municipios da Mariña déronlle o visto bo onte aos proxectos previstos para este ano: maxia, menús artesáns, turismo slow, formación para restauración e hostalería e tamén acordaron facer un estudio das rutas de sendeirismo da comarca para elaborar un programa de cara ao vindeiro ano así como ofrecer información de interese sobre esta zona a través das redes sociais. O presidente, Alfredo Llano, tamén se referiu ao programa Avanza para desempregados, que porán en marcha seis concellos da Mancomunidade. Durante os vindeiros días este ente dirixirase ás tres oficinas de emprego da comarca para ofertar e cubrir as 60 prazas do programa, que podería iniciarse xa durante o vindeiro mes de setembro.
Llano contou que na xornada de onte, “démoslles para adiante aos proxectos que xa estaban contemplados para este ano. Proxectos de turismo nos que están os menús artesáns, as rutas de artesanía, e hai unha proposta de rutas de sendeirismo… imos facer un estudo para poñelas en marcha o ano que ven. Vaise pedir información a cada concello de qué rutas de sendeirismo lles interesa poñer en marcha para que sexan moi coñecidas a todos os niveis. Queremos incorporar esas rutas como unha alternativa para o Camiño Norte non soamente para persoas que queiran facer o Camiño Norte, senón como rutas de sendeirismo para poder ofertalas sen que sexa necesario facer o camiño completo”.
O presidente da Mancomunidade dixo que “tamén estivemos falando do turismo slow que queremos poñer en marcha inmediatamente, xa que se está movendo moito e está tendo bastante éxito. Temos feito conexións coa liña de FEVE para que puxera unha serie de carteis anunciando esa campaña. Tamén falamos da formación, xa que temos previsto facer cursos ou seminarios desde a Mancomunidade e que recolla tamén achegas de Educación, a través do IES de Foz, e de representantes das ACIAS de A Mariña lucense”.
Alfredo Llano engadiu que “tamén lle demos para adiante a algo que me parece moi bo, como son as redes sociais xa que queremos poñer a través delas unha serie de informacións de A Mariña como as festas dos concellos, dar información incluso das mareas, das festividades, de todo aquilo que pode ser interesante para achegarse aquí á Mariña”.
Emprego
O presidente da Mancomunidade tamén se referiu á outra reunión celebrada este martes na que “decidimos entre todos poñernos en marcha co programa Avanza. Esta semana imos poñernos en contacto coas tres oficinas do INEM de toda A Mariña para que nos propoñan a cantidade de alumnos que necesitamos. Son 60: 4 prazas para persoas desempregadas con discapacidade, 5 para persoas desempregadas en risco de exclusión social, 3 para mulleres desempregadas e que acrediten a condición de vítimas de violencia doméstica, 22 prazas para menores de trinta anos desempregados de baixa cualificación, 14 para menores de trinta anos desempregados e 12 máis para mulleres desempregadas. Isto implica que temos que facer unha inserción laboral de 21 persoas e os seis concellos estamos dispostos a asumir ese reto. Imos comezar xa esta semana. Creo que hai unanimidade en que a Mancomunidade acometa esta iniciativa a través destes seis concellos este ano e posiblemente para o ano que ven xa entremos a maioría se isto dá bo resultado”. Os Concellos participantes neste programa son Barreiros, Mondoñedo, A Pontenova, Riotorto, Burela e O Vicedo.